DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense celebrarase do 1 ao 15 de xullo

A Miteu volve co reto de devolver a maxia do teatro ao público

Contará con 24 representacións, entre elas as das seis aulas escénicas da UVigo

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Teatro
  • Cultura
DUVI Ourense 22/06/2021

Un ano máis, e van 26, a Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, volve a levantar o pano. Do 1 ao 15 de xullo, diferentes escenarios da cidade das Burgas acollerán 24 representacións de compañías de cinco países e de diferentes puntos da xeografía estatal. A Universidade de Vigo terá de novo un protagonismo destacado nesta edición, pois, ademais de ser unha das entidades promotoras, nela actuarán as seis aulas de teatro e danza da institución académica. Con prudencia pero dando pasos cara a “normalidade”, a cita márcase como obxectivo comezar a devolver a maxia do teatro ao público.

Un evento consolidado

A presentación da edición de 2021 da mostra tivo lugar este martes no Teatro Principal de Ourense coa participación de representantes das entidades promotoras, entre elas a Universidade de Vigo. Nela, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou o compromiso da institución académica coa Miteu desde o seu nacemento e recalcou como chegar a celebrar a súa 26 edición “é unha mostra clarísima da consolidación deste evento”. Pola súa banda, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, fixo fincapé en que este certame “é algo máis que unha mostra”, apuntando como “cumpre unha función como elemento de dinamización cultural de primeira magnitude collendo as artes escénicas como elemento protagonista”. O secretario xeral destacou a importancia da volta ás programacións presenciais no ámbito das artes escénicas, animando ao público a asistir aos seus eventos presenciais “con total tranquilidade” e respectando todas as medidas de seguridade precisas. “A cidadanía ter que ser partícipe e dalgunha maneira protagonista deste festival”, indicou.

Olga Mojón, directora do Teatro Principal, sinalou pola súa banda que esta mostra “é unha actividade primordial dentro da cidade de Ourense” poñendo en valor o seu carácter universitario. Do mesmo xeito, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, subliñou como a Miteu “é un clásico da cultura de Ourense e de Galicia”, destacando o seu papel como “plataforma cultural”. Por último, Manuel Freire, técnico de Cultura do Concello de Ourense, lembrou como este certame é “un privilexio para Ourense”.

Diversidade de procedencias, temáticas e formatos

Fernando Dacosta, director da mostra desde Sarabela Teatro e coordinador das aulas de teatro do campus de Ourense, foi o encargado de detallar as características desta edición. Nela participarán compañías, a metade universitarias e a outra metade profesionais, de España, Portugal, Guinea Ecuatorial, Arxentina e Italia. Do marco estatal estarán compañías galegas pero tamén de Andalucía, Castilla y León, Navarra, Euskadi, Catalunya, Comunitat Valenciana e Madrid. As actuacións repartiranse por diferentes escenarios da cidade das Burgas, como as prazas do Auditorio e da Biblioteca Pública, o Teatro Principal e o Liceo, ademais de animacións de rúa. Como novidade, esta edición inclúe tres percorridos polo “Ourense invisible” nos que se desenvolverán “accións festivas-reivindicativas” en espazos máis descoñecidos da cidade, como a Praza Manuel Sueiro, o Xardín das Burgas e a contorna do Posío. Haberá, indicou Fernando Dacosta, teatro de actor e actriz, de rúa e infantil, pero tamén circo, clown, música e graffiti. En canto ás temáticas, nas pezas abordarase desde a igualdade e as migracións ata reflexións arredor “do que somos, o que sentimos, o que nos emociona e das relacións entre as persoas”.

“Para nós sempre é unha alegría inmensa presentar unha nova edición da Miteu e máis nestas condicións, que xa sabedes que son complicadas”, dixo Fernando Dacosta, que amosou o seu desexo de que a situación sanitaria permita que a Miteu volva a celebrarse o vindeiro ano nas súas datas habituais, en abril/maio. Desta edición, indicou que “ademais de ver os espectáculos” é importante aproveitar o confluír de compañías de teatro universitario e profesional e as arredor de 150 persoas do sector que participarán para falar dos procesos creativos e das cuestións de interese para as artes escénicas. O director da Miteu animou ao público a asistir ás representacións lembrando que o teatro permite “ter a posibilidade de vivir outros mundos” e que “cando imos a espectáculos en comunidade, tan necesitados como estamos hoxe en día deles, hai cousas que nos transforman, das que aprendemos, que nos emocionan...” e que “quedan na nosa memoria e da que nos rodean”.

Actuacións das aulas da UVigo

Como xa é tradición, a Miteu contará coa participación das diferentes aulas escénicas da Universidade de Vigo. Seguindo a dinámica de anos anteriores, a 26 edición do certame arrancará o xoves 1 de xullo coa actuación da Aula Universitaria do Campus de Ourense Rosaura, o seu primeiro nivel, que estreará o espectáculo de rúa A tempo na praza da Biblioteca Pública. O venres 2 tomaralle o relevo, xa no Teatro Principal, o segundo nivel destas aulas, Cordelia, que representará para o público Ata aquí Orlando. Neste mesmo escenario actuará o mércores 7 a Aula de Teatro do Campus de Vigo coa obra Tic tac e o domingo 11 a Aula Universitaria de Teatro Infantil do Campus de Ourense Geppetto, coa peza Coñecendo a Pippi. Maricastaña, o terceiro nivel das aulas teatrais universitarias de Ourense, pechará a programación da mostra, representando no Teatro Principal Aínda que siga brillando a lúa o mércores 14 e o xoves 15, neste último caso na clausura da Miteu. Por último, a mostra tamén dará espazo á danza cunha sesión o venres 9 titulada Proxecto Ser Con e Aula de Danza do Campus de Ourense.

Debido á situación sanitaria o aforo dos espazos estará limitado segundo as características de cada un e en función do cumprimento da normativa correspondente. As actuacións no Teatro Principal terán un coste de tres euros e nos demais espazos serán de balde, estando as entradas á venda para todos os días desde o arranque do certame.