DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade reivindica o seu traballo para eliminar calquera desigualdade

Monchiño, o vampiro que “marca a diferenza” na nova campaña de comunicación da UVigo

Céntrase na contorna dixital e diríxese a mozos e mozas de entre 18 e 24 anos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Diversidade
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 28/05/2026

Un vampiro matriculado na UVigo, que convive en harmonía co profesorado e co estudantado nas aulas, no laboratorio, na biblioteca ou no comedor. Chámase Monchiño e é o protagonista da campaña de comunicación 2026 da UVigo, dirixida á contorna dixital, pero sobre todo ao estudantado que se enfronta, a partir da semana que vén, ás probas de acceso á universidade (PAU).

Baixo o lema Marcamos a diferenza e mesturando realidade e ficción, a nova campaña “amosa unha institución que ten entre os seus fins eliminar as desigualdades por razón de orientación sexual, sexo, idade, discapacidade, raza, etnia, clase ou relixión, para favorecer e garantir a calidade dunha educación inclusiva”, explica Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais en funcións da UVigo. Con este obxectivo, a campaña apóiase na diversidade como elemento fundamental para facer pensar, abrir unha conversación e convidar a matricularse nunha institución onde as persoas medran tanto desde o punto de vista persoal como profesional.

“A intención é transmitir a idea de que cando un se achega á Universidade de Vigo, soprenderase con todo o que lle pode ofrecer: unha universidade pública, galega, internacional e sostible, que persegue a excelencia na docencia, a investigación, a transferencia e a innovación, pero sobre todo inclusiva no seu interior”, sinala Valderrama, porque “sexas como sexas, na UVigo dámosche a benvida”.

A campaña está protagonizada por un único actor profesional, Nano Rivas, no papel de Monchiño, mentres que o resto de intérpretes son membros da comunidade universitaria elixidos nun casting realizado pola Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais: Luis Lois Carro, Ailyn Aguirre Naizaque, Judit Castro García, Germán Ruiz, estudantes; Lorenzo Antonio Justo Cousiño, docente e coordinador do Grao en Fisioterapia e Marina Troncoso, alumna do Programa Universitario de Maiores.

Estratexia centrada na contorna dixital e dirixida á mocidade

A estratexia da campaña céntrase na contorna dixital e diríxese aos mozos e mozas de entre 18 e 24 anos, co obxectivo é aumentar a notoriedade da oferta formativa da Universidade de Vigo e posicionarse como unha opción preferente en Galicia. Desenvolverase en xuño e xullo, coincidindo coas probas de acceso á universidade, que representan un momento clave na decisión do estudantado e para conseguilo, a campaña articúlase en dúas fases: unha primeira orientada a xerar impacto antes e durante os exames, e unha segunda centrada en reforzar a elección final. 

“A campaña dálle prioridade ás canles dixitais como Instagram, TikTok, YouTube ou Spotify e incorpora formatos innovadores como vídeos, notificacións móbiles e contidos interactivos. A estratexia dixital compleméntase con accións no medio exterior, a través de soportes publicitarios en estacións de tren e en autobuses urbanos e interurbanos, co obxectivo de aumentar a visibilidade”, detalla a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais en funcións.

Buses do parque móbil, mupis nos tres campus, RRSS, web, pantallas dos centros, cartelaría e roll-ups son algúns dos medios propios que a UVigo tamén empregará para difundir esta campaña.