DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola UVigo, Santiago, Museum für Naturkunde, Horizon2020, Transmitting Science e EAVP

Mulleres científicas únense para pedir medidas urxentes que freen a perda de académicas no ámbito da ecoloxía

No congreso WISE, Women In Science-Ecology, que terá lugar virtualmente entre o 4 e o 6 de novembro

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/10/2020

Son moitos os estudos que demostran que a presenza de mulleres nas universidades e nos organismos de investigación diminúe a medida que se incrementa o nivel de responsabilidade. É o que o CSIC deu en chamar “gráfica en tesoira”, na que se visibiliza un patrón de perda de mulleres a medida que se ascende na carreira profesional, mentres que a taxa de homes se dispara en postos fixos e de responsabilidade. Esta tendencia non mellora dende 2008, de feito empeora e repítese por todo o mundo, con independencia do país e da institución científica.  

Para tratar de reverter esta situación, un grupo de investigadoras das universidades de Vigo, Santiago, Museum für Naturkunde, Horizon2020, Transmitting Science e EAVP uníronse para poñer en marcha o congreso internacional WISE, Women In Science-Ecology. E evento terá lugar do 4 ao 6 de novembro de forma virtual co obxectivo de impulsar medidas urxentes que freen a perda de académicas, concretamente no ámbito da ecoloxía. 

O congreso conta xa con máis de 100 persoas inscritas, como explica Sara Valera, investigadora viguesa beneficiaria dunha Starting Grant do ERC que nos próximos meses se incorporará á UVigo. Ela é unha das impulsoras deste congreso, que contará con ponencias de ecólogas a nivel internacional para tratar temas como o acoso, a maternidade e o liderado feminino. “Vai haber charlas polas mañás e mesas redondas polas tardes, para discutir diferentes problemáticas que están facendo que a carreira profesional das mulleres en ciencia sexa incerta e haxa unha taxa de abandono/expulsión alta”. 

Con todo, dende a organización tamén resaltan que do total de 100 persoas inscritas no congreso, o 97 % das participantes son mulleres e só un 3% homes. En opinión de Antonio Martínez Cortizas, xefe do grupo Ecopast, promotor do congreso e participante, é “un indicativo da falta de interese ou incluso oposición activa, que non deixa de ser un reflexo da situación actual”, lamenta. 

Un espazo de diálogo

O obxectivo deste grupo de científicas coa organización do simposio é xerar un espazo de diálogo no que detectar medidas e accións urxentes a implantar nas diferentes sociedades ecolóxicas para “reverter a situación actual”, na que cada vez hai menos mulleres que chegan a postos de investigadoras postdoc e de Ramón y Cajal, “a canteira das futuras profesoras de investigación do CSIC”. Unha situación que “non se debe a que as mulleres carezan de ambición profesional, nin de orixinalidade científica”, explica Mar Sobral, unha das organizadoras do congreso, “senón porque as medidas para acabar con esta diferencia estrutural inxusta son claramente ineficientes e/ou inexistentes”. 

Para afondar nesta situación, WISE contará con ponencias de 24 mulleres de renome mundial relacionadas co mundo académico que se atopan en diferentes estadios da súa carreira profesional. Falarán, dende a súa experiencia, sobre as diversas causas que deteñen ou dificultan as carreiras das mulleres en Ecoloxía, tales como a invisibilidade, a desigualdade nos coidados e a conciliación familiar ou o acoso. “É a primeira vez que se celebra un congreso sobre estas temáticas, xa que existen outras experiencias centradas no ámbito da investigación sobre igualdade e non dende o punto de vista persoal de científicas expertas noutros ámbitos e que falan da necesidade de igualdade”, explica Sara Varela.

Desigualdades na carreira científica

O desequilibrio nos coidados ou a conciliación familiar serán algunhas da temáticas principais deste congreso. Florencia Yannelli, ecóloga arxentina na Freie University de Berlín, será unha das poñentes invitadas e falará do peso que ten o sistema académico sobre a maternidade. Explicará como se viu afectada a nivel persoal e profesional, na decisión de ter fillos e cando telos, o que se debe, na súa opinión, a que o ámbito académico aínda funciona como un 'boys club', “onde para ser competitivos hai que elixir non ter fillos ou ter alguén na casa para coidalos, un rol que recae maioritariamente nas mulleres. Todo isto empeorado por medidas de conciliación familiar igualitarias aínda insuficientes”, opina. 

Outro dos temas clave do congreso serán as insuficientes medidas para protexer e evitar que haxa mulleres que se teñan que enfrontar a situacións de acoso no seu ámbito de traballo. Entre as ponencias invitadas, poderanse coñecer casos de mulleres investigadoras que sufriron o acoso de compañeiros do seu mesmo grupo de traballo e que viron como moitas institucións carecen de regulamentos ou códigos de conducta para xestionar estas situación e de medidas efectivas ante este tipo de comportamentos. Unha cuestión que “ocorre e se repite dentro do ámbito de traballo”, segundo denuncia a poñente Marcia Barbosa, bioxeógrafa freelance.  

Dez medidas para aplanar o nesgo de xénero

As organizadoras agardan, ao rematar este congreso, poder contar cunha lista de dez medidas a implementar en todas as sociedades de ecoloxía europeas para acadar a equidade na carreira académica. “Queremos identificar dez problemas e dez solucións a implementar en institucións e centros de traballo, para o que fai falta vontade social e política”, sinala Mar Sobral. 

Neste sentido, o congreso ademais de chegar ás sociedades científicas, quere tamén facelo ás administracións locais e autonómicas, xa que se tratarán medidas que, segundo Sara Varela, “reverterán nun avance na I+D+I do noso país, porque o progreso científico pasa por acabar coa exclusión das mulleres investigadoras na busca de solucións e a toma de decisións”.