DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo do Observatorio da Gobernanza centrado na presentación dixital do IRPF

Mulleres, maiores e persoas con menos recursos ‘externalizan’ en maior medida as súas declaracións da renda

O traballo alerta de que a dixitalización pode ser “unha barreira” para determinados colectivos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 03/09/2025

As persoas maiores, as mulleres e a cidadanía con menor nivel educativo e de ingresos son os colectivos sociais que “externalizan” en maior medida a presentación da súa declaración da renda por canles dixitais. Esta é a principal conclusión dun estudo desenvolvido polo profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Bruno González, centrado en coñecer que colectivos sociais recorren tanto a asesorías como a familiares ou amizades á hora de realizar a súa declaración do IRPF. “As ferramentas dixitais poden ser unha barreira para aqueles cidadáns cun menor nivel de experiencia e recursos dixitais”, sostén o investigador do Observatorio da Gobernanza G3, que alerta que se ben “a dixitalización é necesaria e pode facer máis eficiente as interaccións entre algúns grupos da sociedade e a administración, ao mesmo tempo pode tamén crear barreiras para algúns sectores da sociedade”.

Dirixido a analizar como os “factores sociais e demográficos” inflúen á hora de recorrer a terceiras persoas para a realización da declaración da renda, González Cacheda analizou os datos reunidos na enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías da información e da comunicación en fogares do INE do ano 2022. Concretamente, o investigador traballou cos “microdatos” obtidos en 14.839 vivendas. A partir destes extraeu “doce variables que, dentro dun marco conceptual, poden axudarnos a comprender porque a xente externaliza ou non” a realización da declaración. Estas estaban relacionadas tanto coa experiencia no uso de ferramentas dixitais e na autoeficacia, a forma na que “as persoas se perciben a si mesmas en relación ao seus desempeño coas novas tecnoloxías”, como coas características sociodemográficas, co obxectivo de “identificar unha serie de factores asociados á fenda dixital”, que poderían dificultar o acceso e o uso da plataforma dixital para a presentación da declaración. Desenvolvida no marco da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens, os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado na revista científica Journal of Public Affairs.

Nel, González Cacheda pon o foco na idea dunha “terceira fenda dixital”, pola que poden existir “sectores sociais que están sacando partido á dixitalización”, ao permitirlles un aforro de tempo e desprazamentos nos seus trámites coas institucións públicas, mentres que outros poderían verse “excluídos” e perder a súa “autonomía fronte ás administracións, porque necesitan dun terceiro para relacionarse” con esta. Polo tanto, conclúe, “se as canles dixitais son consecuencia de que se están pechando as tradicionais, o que estás creando é unha barreira”.

“Importantes diferencias no acceso ás canles dixitais”

Os resultados deste estudo, recoñece González, “amosan importantes diferencias no acceso e uso das canles dixitais”. Nese senso, a análise deste conxunto de variables permitiu constatar, en primeiro termo, que as persoas “que externalizan con maior frecuencia as súas declaracións da renda en liña son aqueles que están menos familiarizados con internet no seu día a día”. Ao mesmo tempo, os resultados desta análise amosan que “as mulleres son máis propensas a buscar apoio de terceiros”, circunstancia que dáse tamén entre as persoas de maior idade, así como naquelas que residen en “zonas con menor densidade de poboación”. No referido ás mulleres, González apunta que estes resultados poderían estar conectados aos estereotipos asociados á “diferente socialización entre mulleres e homes”, que poderían provocar nas primeiras un menor nivel de “confianza na relación coas administracións públicas e no uso de ferramentas dixitais”.

Coincidindo con investigacións previas sobre a fenda dixital, o estudo sinala tamén que o nivel educativo determina en boa medida “o uso de servizos de asesoramento profesional e asistencia de terceiros”, ao rexistrase unha diferencia de preto do 40% entre as persoas cun doutoramento que derivaban a presentación da súa declaración fronte ás persoas sen educación formal. Por outra banda, as persoas con maiores recursos económicos solicitan en menor medida ese “apoio externo” para presentar a renda, rexistrándose unhas diferencias do 12% entre os fogares con maiores e menores niveis de renda. Isto leva a González a pór de relevo os “efectos regresivos” que podería ter que as persoas con menos ingresos sexan as que máis “externalizan” a renda, “aínda que os datos do CIS non permiten diferenciar se o apoio foi prestado por profesionais ou por amizades e familiares.

Coexistencia dos servizos dixitais e presenciais

En conxunto, os resultados desta análise amosan que a plataforma dixital para a presentación da renda segue presentando “problemas de acceso e uso” para parte da cidadanía, que poderían “estar reducindo a autonomía destes grupos nas relacións coa administración pública”, o que “aconsella a coexistencia” dos servizos públicos dixitais e presenciais. Isto lévao á súa vez a propor unha serie de recomendacións, como a que a Axencia Tributaria “atendese de xeito presencial durante todo o período de presentación da declaración do IRPF e non unicamente no último mes” ou mesmo que se puidese dar prioridade a “determinados colectivos”, así como que “deberían reconsiderarse certas barreiras de acceso á atención presencial, como a cita previa”.