DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase este xoves e venres no campus de Ourense

O mundo académico do Dereito Procesual en España dáse cita no X Memorial Manuel Serra Domínguez

Nel participa un centenar de persoas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 07/11/2024

Cada ano, o profesorado que imparte Dereito Procesual nas universidades españolas ten unha cita coa celebración do Memorial Manuel Serra Domínguez. Neste 2024 o evento celébrase por primeira vez en Ourense, tendo lugar este xoves e venres na Facultade de Dereito do campus. Nel participa un centenar de especialistas procedentes principalmente das diferentes universidades españolas pero tamén con representacións de Italia, Portugal e Brasil.

Esta décima edición do Memorial Manuel Serra Domínguez está organizado baixo a dirección de Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e a coordinación de Dolores Fernández Fustes, profesora titular de Dereito Procesual tamén da UVigo, e conta co apoio do Consello Social da UVigo ademais da Facultade de Dereito que o acolle. Co lema Dereito procesual e cidadanía: retos socioeconómicos e politización da xustiza, este encontro quere brindar a xuristas un foro de debate e reflexión sobre os principais desafíos que o dereito procesual está enfrontando na actualidade debido á evolución da sociedade e a economía.

Temas de actualidade e preocupación para a cidadanía

A programación arrancou cunha inauguración na que participaron Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito; Francisco Ramos, presidente da Fundación Privada Manuel Serra Domínguez, e Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da UVigo e directora desta décima edición do memorial. Nas súas palabras destacaron a relevancia desta cita anual, a satisfacción por elixir nesta ocasión como sede a Facultade de Dereito do campus de Ourense e a pertinencia da temática elixida.

Francisco Ramos, ourensán de orixe, puxo en valor o legado de Manuel Serra Domínguez e da súa fundación. O seu memorial, lembrou, “convida cada ano ás persoas do Dereito Procesual a que falen, a que poñan en común, a que discutan, a que fagan un pouco vida académica en lembranza do profesor Manuel Serra Domínguez”. Igualmente, Ernesto Pedrosa subliñou a oportunidade deste memorial para “debater e reflexionar sobre os principais desafíos xurídicos que a evolución da sociedade e a economía prantexan no campo do dereito procesual”. Pola súa banda, Susana Álvarez, tras agradecer a elección da Facultade de Dereito para acoller este evento, destacou del os “temas de especial interesa que propón”, apuntando a pertinencia da súa abordaxe tendo en conta que “nos atopamos nun momento crucial que quizais condiciona a percepción pública da xustiza, o que pode afectar á súa credidibilidade ante a cidadanía”.

Da vulnerabilidade á ciberdelincuencia

Nesta edición, o memorial propúxose abordar temáticas “de plena contemporaneidade” como a protección procesual civil das persoas en situación de vulnerabilidade, os intereses supraindividuais no proceso civil, a persecución penal da delincuencia económica, aspectos procesuais da cibercriminalidade e a politización da xustiza. “O que tratamos de reflectir neste programa é algunhas das cuestións que preocupan á cidadanía ante a nova realidade socieconómica”, sinalou Esther Pillado. Cada un destes temas centra unha das cinco mesas de análise e debate do evento, apostando polo diálogo entre as persoas asistentes e coa participación de especialistas de diferentes universidades e xuristas.

Ademais, a programación contempla a presentación de 35 comunicacións. Nelas abordaranse temas como por exemplo a tutela de dereitos fundamentais no recurso de casación civil obxectivado; as garantías do demandado no proceso civil de desafiuzamento a través dos actos de comunicación procesual; as claves fundamentais para a aplicación do decomiso sen condea; a esixencia do dictame pericial no expediente de provisión de medidas xudiciais de apoio a persoas con discapacidade e a aplicación da regra de inutilizabilidade ás dilixencias de instrución vencidas.