DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os carriños están situados na entrada dos principais edificios do campus

Un Nadal máis arranca a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros

As doazóns irán ao Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Amencer

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 24/11/2022

Un Nadal máis o campus de Ourense xa ten en marcha a campaña solidaria de recollida de alimentos, xoguetes e libros. A comunidade universitaria volve a unirse a esta iniciativa froito da colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense co Banco de Alimentos, Cruz Vermella e a Asociación Xuvenil Amencer. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, xa teñen á súa disposición na entrada dos principais edificios universitarios os carriños solidarios nos que depositar as súas doazóns.

Sensibilización e recollida

No lanzamento da campaña este xoves estiveron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense; Carmen González, de Cruz Vermella Ourense; e Noemí Iglesias, da Asociación Xuvenil Amencer. Na súa  intervención, a vicerreitora do campus subliñou a satisfacción da institución académica por poder pór en marcha un ano máis esta recollida solidaria que, dixo, permite á comunidade universitaria “devolver á sociedade parte do que recibimos dela”. Elena Rivo destacou a boa resposta da comunidade universitaria, tanto de alumnado como de persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, a esta recollida e reiterou ás entidades colaboradoras a disposición do campus a colaborar neste tipo de  iniciativas solidarias.

Pola súa banda, Noemí Iglesias recalcou que a campaña posta esta marcha “é moi importante non só pola recollida senón polo que implica de sensibilización e concienciación, desde os máis pequenos aos máis maiores”. Do mesmo xeito, Carmen González destacou a importancia de que, con iniciativas coma esta, ningún neno e nena quede este Nadal sen xogos ou xoguetes pois, recalcou, é un dereito fundamental deles imprescindible para o seu desenvolvemento saudable. Por último, Cecilio Santalices agradeceu á institución académica e ás entidades implicadas a posta en marcha desta campaña destinada “á xente que o está a pasar mal” e subliñou o valor de que neste caso o alumnado universitario colabore na recollida. As e os representantes das entidades animaron á comunidade universitaria e á cidadanía a pór o seu grao de area nesta causa.

Ata o 15 de decembro

Os carriños de recollida están xa situados na entrada dos edificios do campus (Xurídico-Empresarial, biblioteca, pavillón de deportes, edificio Politécnico e o Edificio de Ferro) ata o 15 de decembro. Os alimentos recollidos serán entregados ao Banco de Alimentos e os libros e xoguetes a Cruz Vermella e á Asociación Xuvenil Amencer. Seguindo as indicacións de anos anteriores, as entidades que xestionarán as doazóns indican que preferentemente necesitan, no caso de alimentos produtos non perecedoiros, como conservas, aceite, leite, e, dadas as datas, produtos típicos do Nadal. No caso dos xoguetes e libros indícase que poden ser novos ou xa usados pero teñen que estar en bo estado e ser non bélicos e non sexistas, facendo fincapé na necesidade de que tamén se entreguen xoguetes e libros destinados a mozas e mozos.