DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Elicin da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo lidera a investigación

“Narrativas das novas diásporas”, un proxecto transnacional para analizar a literatura de fronteiras do século XXI

Durante dous anos, o estudo centrarase nas zonas de conflito e nas de confort 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/04/2021

Interdisciplinario, multicultural e transnacional. Estas son as características do proxecto Narrativas das novas diásporas que analizará, durante dous anos, a literatura de fronteiras do século XXI, desde unha perspectiva innovadora, ao centrarse en dous aspectos fundamentais, que facilitan un labor comparativista: as zonas de conflito e as zonas de confort. María Alonso, docente e investigadora do grupo Elicin, do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura da UVigo, que lidera o proxecto explica que “o noso corpus consta de textos en castelán, en galego e en inglés xa que consideramos que os actuais movementos diaspóricos tamén están a afectar a idea clásica de canon literario até o punto que hoxe en día é complicado clasificar certa produción literaria, sobre todo a de migración, dentro dunha tradición literaria específica. Os movementos diaspóricos, por poñelo doutro xeito, están a afectar as fronteiras literarias”, asegura.

Xunto a docentes e investigadoras da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo con ampla experiencia en literatura de fronteiras, como a directora do grupo Elicin, Carmen Luna; a escritora e académica e referente en estudos de tradución e exofonía Xina Vega e as investigadoras pos e predoutorais Gabriela Rivera e Sofía Malvido, tamén participan no estudo investigadoras e investigadores das universidades de Bangor, Hong Kong, Varsovia, A Coruña e La Laguna. “David Miranda Barreiro, galego e director do Departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de Bangor é un dos nomes principais que estudan a diáspora galega nos Estados Unidos; Bárbara Fernández Melleda, chilena, residente en Hong Kong, estuda a diáspora latinoamericana en Asia e Europa e a profesora Ana Garrido González, natural de Vigo pero que leva moitos anos traballando na Universidade de Varsovia, está interesada en abrir unha liña de investigación relacionada coa nova diáspora galega”, detalla Alonso. O proxecto, así mesmo, conta coa colaboración de Chus Cabarcos e Pablo Miguel Carmona, dos departamentos de filoloxía inglesa das universidades da Coruña e de La Laguna, respectivamente, ambos con ampla experiencia traballando con literatura transnacional e poscolonial en lingua inglesa.

Unha investigación innovadora centrada na dicotomía entre zona de conflito e de confort

Logo de liderar tres proxectos nos que desenvolveu traballos relacionados cos estudos literarios en lingua inglesa, castelá e galega, e que se materializaron en tres monográficos que abordan a produción literaria da diáspora caribeña en lingua inglesa, a nova emigración galega ao norte de Europa e a violencia da literatura latinoamericana actual, María Alonso enfronta este novo proxecto, que considera suporía un paso máis aló na achega interdisciplinar e transcultural a estas tres liñas de investigación anteriores, implicando un maior escrutinio a un tema de candente actualidade coa garantía dun contexto e experiencia previa amplamente demostrable. “A innovación que propón Narrativas das novas diásporas reside no cambio de paradigma conceptual e teórico ao centrarse na dicotomía entre zona de confort e conflito para facilitar o estudo comparado do corpus e non, como realicei en investigacións anteriores, como tradicións literarias estancas e alleas”, explica a docente da FFT.

Dado que a experiencia migrante varía enormemente se se dá en zonas de confort ou en zonas de conflito e que elementos que parecen comúns se tratan de xeito diferente, dependendo de se se dan nunha zona ou noutra, as investigadoras e investigadores destacan o interese, desde un punto de vista filolóxico, de abordar estas diferenzas desde o ámbito da literatura comparada, para intentar entender os mecanismos de creación que articulan estes textos que tanto achegan á sociedade. “Non é o mesmo ser una emigrante galega de nova xeración no Reino Unido pre-Bréxit que pos-Bréxit, do mesmo xeito que non é o mesmo ser unha emigrante mexicana nos Estados Unidos que ser unha emigrante mexicana con orixe galega retornada ao país dos teus país”, exemplifica María Alonso. 

No caso das zonas de confort, o traballo centrarase na análise dun corpus de ficción en castelán, galego e inglés escrito por persoas migrantes sobre experiencias de emigración nestas zonas para ilustrar a conflitividade que tamén xorde nestes lugares de tránsito, a pesar da situación de privilexio da que parten. A intra-migración en zonas de confort; a inmigración legal  e a literatura de retorno; emigrantes de primeira e/ou segunda xeración e exofonía e tradución, son as liñas de investigación deste primeiro eixo de traballo. A segunda liña de investigación, pola súa banda, céntrase nas zonas de conflito, arredor das que están a aparecer textos que cuestionan as políticas migratorias, por exemplo, nos Estados Unidos ou na UE. Neste caso, o traballo desenvolverase en catro liñas concretas: literatura de fronteiras en conflito; literatura de refuxiados e re-emigración; narrativas do Bréxit e literatura sobre a “Fortaleza Europea”. 

Literatura de fronteiras que chama a atención sobre a crise migratoria

Ao abeiro das axudas posdoutorais modalidade B da Xunta de Galicia, Narrativas das novas diásporas traballará cun corpus moi amplo e totalmente aberto “porque é agora cando a literatura de fronteiras está a vivir o seu boom e son moitas as novidades editoriais que pasan a formar parte do noso corpus de estudo”, sinala a investigadora do grupo Elicin. O estudo comparativo no que se centrará o proxecto é eminentemente de ficción, escrito por autoras e autoras que experimentaron a emigración dun xeito ou doutro, “interésannos as autoras e autores que escriban sobre emigración, aínda que non sexa desde un punto de vista autobiográfico. Obviamente existen autoficcións que tamén teñen un interese particular, de feito eu mesma son autora de autoficción. Mais a ficción dota a autoras e autores dunha serie de mecanismos que son moi significativos para ir máis aló do meramente representativo”, explica María Alonso, que recoñece, que aínda que son un grupo amplo e moi activo, os dous anos de límite do proxecto, van condicionar a extensión do corpus, “xa que os tempos académicos en ocasións no van en paralelo cos tempos administrativos, polo que haberá moito traballo que quede por facer unha vez que remate o proxecto”, aventura a investigadora.