DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Releva a Enrique Barreiro á fronte deste proxecto de especialización

Nelson Pérez, novo director do Campus Auga

O reto para esta nova etapa é acadar a acreditación da iniciativa

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 16/03/2021

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos, vén de renovar a súa dirección. O profesor da Facultade de Ciencias Nelson Pérez tomou a pasada semana o relevo no cargo a Enrique Barreiro, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática que estivo á fronte desta iniciativa durante case os tres últimos anos.

Nelson Pérez é graduado en Enxeñaría Química no Superior Politécnico José A. Echeverría, de La Habana (Cuba). Nese país iniciou a súa carreira profesional en diversas empresas e como docente na Universidad de Oriente. Entre 1996 a 1999 realizou o doutoramento en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Universidade de Vigo cunha bolsa do Instituto de Cooperación Iberoamericana e desde 1999 traballa na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Actualmente é profesor titular do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e en 2020 ten sido acreditado como catedrático pola Aneca. En investigación traballa en temas relacionados coa produción e aplicación de probióticos e bacteriocinas na industria alimentaria e na alimentación animal, a produción de bebidas fermentadas funcionais e a valorización de residuos da industria alimentaria. Entre os seus méritos están tres quinquenios docentes, tres sexenios de investigación e un sexenio de transferencia, a publicación de máis de 50 artigos en revistas científicas internacionais de alto impacto e a dirección de seis teses.

Unha etapa que se abre

Segundo explica o novo director do Campus Auga, a oportunidade de ocupar este posto xurdiu ante a decisión de Enrique Barreiro de non continuar no cargo e ante a proposta do reitor, Manuel Reigosa, e as vicerreitoras do Campus de Ourense, Esther de Blas, e de Investigación, Belén Rubio. “Decidín asumir o posto porque se trata dun novo reto para min, xa que nunca ocupei un posto de dirección e gustaría explorar tamén esta nova responsabilidade”, comenta Nelson Pérez. Para a nova etapa que se abre sinala que “o principal obxectivo é conseguir que o Campus Auga siga funcionando e que sexa un foco de especialización multidisciplinar e un referente no ámbito estatal, europeo e internacional, en tres liñas intimamente relacionadas: docencia, investigación e transferencia de tecnoloxía e coñecemento, en temáticas relacionadas coa auga”.  

Sobre os retos que afronta o proxecto de especialización do campus de Ourense, o seu novo responsable comenta que “estamos en fase de preparación para a acreditación do Campus Auga dentro do Sistema Universitario de Galicia”. Neste proceso, engade, téñense identificado para este campus "tres liñas de especialización relacionadas coa temática da auga: xestión da auga, alimentación e medio ambiente, que compoñen a agregación estratéxica singular do potencial de excelencia da súa actividade docente e investigadora". Ademais, destaca Nelson Pérez, o Campus Auga conta con “dúas liñas de soporte facilitadoras no desenvolvemento desas tres liñas de especialización: tecnoloxías intelixentes e innovación social e educativa, que facilitan a potenciación das capacidades propias das liñas de especialización e favorecen a súa competitividade”.

Unha etapa que remata

Pola súa banda, no seu balance de mandato Enrique Barreiro explica como o traballo desenvolvido xirou arredor de tres eixes: a posta en marcha do edificio do Campus Auga, a acreditación como campus de especialización do SUG e a organización de actividades (como o III Simposio de Termalismo e Calidade de Vida). No que se refire ao edificio, lembra como foi necesario para a súa apertura superar todo o proceso de legalización e levar a cabo as tarefas de instalación do equipamento de laboratorios e despachos, destinándose finalmente as súas instalacións só a investigación, agás os laboratorios que houbo que destinar provisionalmente á docencia da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Xa aberto e acondicionado o edificio, lembra Enrique Barreiro, “a partir dese momento, o principal esforzo dedicouse ao proceso de acreditación”, do que destaca como ao tratarse dun “procedemento sen precedentes foi necesario dedicarlle moito esforzo”. Este proceso, indica, “obrigou a reflexionar sobre o alcance docente e investigador do Campus Auga, así como a reformular a misión, visión e liñas estratéxicas desta iniciativa. Foi necesario centrar máis o foco da especialización como nos demandaba a Xunta, pero ao mesmo tempo respectando a gran riqueza multidisciplinar do campus de Ourense”. A pesar das demoras provocadas pola pandemia, sinala, “agora o Campus Auga ten a documentación preparada para entregar para esta acreditación e dispón de dous comités externos que velarán pola súa calidade e a súa adecuación ás necesidades da contorna: un comité social-empresarial (composto por institucións e entidades vinculadas a diferentes ámbitos da auga) e un comité de expertos externos, formado por investigadores e investigadoras de gran prestixio”. Para o futuro, apunta o xa anterior director do Campus Auga, “deixamos preparado un plan operativo a catro anos acompañado dun cadro de mando, indicadores de seguimento e un plan de viabilidade”.