De balde e con docencia en liña, impartiranse de marzo amaio
Normalización Lingüística lanza novos cursos de galego para o segundo cuadrimestre
As persoas interesadas poden matricularse desde o 2 de febreiro
A Área de Normalización Lingüística acaba de publicar a súa oferta de cursos para o segundo cuadrimestre, cinco novas propostas coas que seguir mellorando a formación en lingua galega de toda a comunidade universitaria. Totalmente de balde e con docencia en liña, a matrícula poderá realizarse a partires do vindeiro 2 de febreiro, se ben as persoas interesadas poden consultar xa na plataforma Bubela os detalles de cada un dos cursos.
Curso de iniciación para o alumnado internacional
A oferta inclúe o tradicional Curso de iniciación á lingua galega, pensado especificamente para o alumnado de programas de intercambio, así como Persoal Técnico de Administración e Servizos e Persoal Docente e Investigador en activo na UVigo pero que proveña de fóra de Galicia. Serán 40 horas de clases telepresenciais, todos os martes e xoves de 16.00 a 18.00 horas, nas que terán a oportunidade de achegarse aos conceptos básica da lingua e a cultura galega.
Linguaxe administrativa e xurídica
Tamén con 40 horas de duración ofrécese o curso Linguaxe administrativa e xurídica, unha proposta coa que se quere achegar os recursos suficientes para poder redactar e corrixir textos vinculados co dereito e coa administración cun nivel de calidade que se corresponda co uso propio da lingua galega en ámbitos administrativos e xurídicos. Será do 7 de abril ao 6 de maio.
Calidade lingüística e Corrección da escrita coas TIC
O resto da oferta son cursos de 30 horas. O primeiro en arrancar, o 2 de marzo, é A calidade lingüística na universidade, dirixido a mellorar a calidade da lingua, afondar nos parámetros de redacción e fomentar o uso do galego. Ao día seguinte, 3 de marzo, botará tamén a andar Corrección da escrita coas TIC, dirixido a coñecer diferentes ferramentas de corrección e de tradución, optimizar o seu uso e achegarnos a outros recursos que nos axudan a empregar unha lingua de calidade de maneira sinxela.
Erros frecuentes
Nesa mesma semana, o venres 6, completarase o inicio dos cursos con Os erros máis frecuentes da lingua galega, unha actividade pensada non só para corrixir os erros máis frecuentes nos escritos en lingua galega, senón tamén para repasar a ortografía, a gramática e o léxico da lingua galega para mellorar o seu manexo.
Para acadar o diploma de cada un dos cursos requírese realizar o 100 % das actividades e superar o 80 % delas, ademais da correspondente proba final. Os cursos de 40 horas están validados con 1,3 créditos ECTS e os de 30 horas cun crédito.
