DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvoltos por científicos do Cinbio con socios de Francia, Irlanda, Portugal, Reino Unido e Españ

Unha nova xeración de sensores permite a detección de nanopartículas de óxido de titanio e de prata na auga mariña

Este tipo de partículas están presentes nos protectores solares, deterxentes, cosméticos, roupa…

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
D. Besadío DUVI 29/03/2023

Científicos do Cinbio, co investigador Miguel Ángel Correa á cabeza, xunto con socios de Francia, Irlanda, Portugal, Reino Unido e España, acaban de desenvolver unha nova xeración de sensores capaces de detectar na auga mariña nanopartículas de óxido de titanio e de prata, partículas diminutas que se atopan en innumerables bens de consumo, desde pinturas, pasando por cosméticos, sobre todo protectores solares, deterxentes, roupa e outros téxtiles. É un dos grandes avances do proxecto de investigación Nanoculture, Avaliación e mitigación de riscos da presenza de NANOmateriais en aquaCULTURA atlántica, financiado polo programa Interreg con preto de 153.000 euros.

No foco do proxecto, iniciado a mediados de 2019, estaban os ecosistemas relacionados coa acuicultura, un sector de alta relevancia económica na área atlántica. O obxectivo era investigar o impacto na saúde humana da inxestión destas nanopartículas e os métodos para mitigar os seus efectos co fin de salvagardar o futuro desenvolvemento sostible desta industria. Neste sentido, os responsables da investigación fixeron fincapé en que a falla de información conxunta sobre os efectos das nanopartículas na auga, os organismos e os humanos era, en parte, consecuencia do número limitado de métodos analíticos robustos dispoñibles para a detección.

“O traballo do noso equipo de investigación consistiu, conxuntamente co Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga, no desenvolvemento dunha nova clase de sensores que permitisen a detección destas nanopartículas de óxido de titanio e de prata na auga”, explica Miguel Ángel Correa, responsable do grupo TeamNanoTech do Cinbio, un equipo cunha longa traxectoria en temas de nanofabricación de materiais avanzados con importantes aplicacións nunha ampla gama de áreas da química, a física, a bioloxía e a medicina. Xunto a el participou no proxecto a profesora Verónica Salgueiriño, responsable do grupo Magnetic Materials, cuxa principal área de investigación son os nanocristais de materiais magnéticos, xunto coa súa síntese e a súa caracterización estrutural e magnética. “En Nanoculture tamén nos encargamos de fabricar os nanomateriais para os experimentos que se realizaron para o estudo de acumulación das nanopartículas en peixes e bivalvos”, recalca Correa.

Seguimento in situ e en tempo real

Os novos sensores permitirán, a xuízo dos responsables do proxecto, realizar un seguimento in situ e en tempo real, o que será de especial utilidade para as empresas que se dedican ao mundo da acuicultura.

Os experimentos de laboratorio utilizaron nanopartículas de grado comercial de 30 a 40 nm de lonxitude, nanopartículas de dióxido de titanio de 5nm máis pequenas e partículas de prata de 15 nm para avaliar a probabilidade de acumulación en alimentos mariños expostos a baixas concentracións que probablemente estean presentes no medio mariño. Finalmente, descubriuse que as taxas de acumulación e os efectos moleculares diferían entre as especies. A acumulación na carne do rodaballo foi baixa, pero maior en órganos como como o fígado e os riles, que non acostuman comerse. Os mexillóns tiñan niveis máis altos de acumulación, algo que consideran debe relacionarse co tipo de contorna na que se cultivan. 

Tamén se estudaron dúas especies de algas, dulse e leituga de mar. Neste caso, os responsables da investigación indican que aínda que as algas non teñen aínda niveis altos de consumo en Europa, existe un interese crecente no seu uso como alimento e, neste senso, de cara ao futuro deben tomarse precaucións, sobre todo relacionadas co lugar no que se cultiven.

O dióxido de titanio está especialmente vinculado ás zonas de baño

En canto ás concentracións de ambos tipos de nanopartículas, os responsables da investigación salientan que as nanopartículas de prata tenden a presentarse nas augas superficiais, mentres que o dióxido de titanio, particularmente vinculado ás augas de baño debido ao seu uso na protección solar, atópase nos sedimentos do fondo mariño, desde onde se pode resuspender. 

Se ben hai diferencias de opinión sobre os efectos tóxicos destas nanopartículas, no caso concreto do dióxido de titanio foi clasificado como canceríxeno si se inhala e, neste senso, en maio de 2021 a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA, publicou unha opinión na que se afirmaba que esta substancia xa non podía considerarse segura cando se usaba como aditivo alimentario. Como resultado, a Comisión Europea e os Estados membros acordaron deter a súa utilzación para este fin e redactouse un regulamento retirando a autorización para o seu uso. Incluíuse un período de transición de seis meses para darlle tempo ás empresas de alimentos a reformular os seus produtos utilizando alternativas axeitadas e o seu uso en alimentos volveuse ilegal o 7 de agosto do pasado ano.