DUVI

Diario da Universidade de Vigo

57 estudantes participaron este venres na xornada celebrada na EE de Telecomunicación 

Nove anos avaliando os progresos do alumnado do programa de doutoramento internacional DocTIC 

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 11/06/2021

57 estudantes dos 73 matriculados este curso participaron este venres na xornada DocTIC, que desde hai nove anos se celebra na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo co obxectivo de avaliar o progreso dos traballos do alumnado do programa de doutoramento. “A xornada ten unha gran aceptación e constitúe xa un dos eventos máis esperados entre investigadores de atlanTTic, converténdose nun dos ‘eventos tradicionais’ desta escola”, recoñece o docente e investigador da UVigo e coordinador de DocTIC, Manuel García Sánchez, que destaca que a celebración deste encontro permite avaliar un gran numero de estudantes e facer suxestións que melloran o seu traballo de investigación. “Acadamos os obxectivos que perseguimos e isto é moi positivo”, asegura.

Con máis dun 50% de estudantes estranxeiros, o que segundo os seus promotores é un recoñecemento internacional moi importante, o programa DocTIC acadou una media de 70 alumnas e alumnos matriculados, “ademais de lograr o ano pasado a re-acreditación do programa, o que indica que imos polo bo camiño e podemos seguir progresando”, sinala Manuel García. 

Avaliacións en liña e unha vintena de pósters

Arquitecturas e servizos telemáticos; comunicacións dixitais; electrónica de comunicacións; bioenxeñaría; procesado de sinal; comunicación radio; comunicacións ópticas; teledetección e radionavegación e redes de datos son as nove áreas nas que se enmarcan os traballos presentados na xornada, celebrada este venres no salón de actos do centro, na que se realiza a avaliación anual obrigatoria para o alumnado, que nalgúns casos acaba de empezar a súa investigación e, noutros, está a piques de presentar a tese.

Pero máis aló da avaliación, a xornada ten unha parte formativa para o alumnado, xa que “ao ter o formato de sesións póster de congreso internacional (todo en inglés), aprenden a preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación e tamén poden ver como o fai o resto dos seus compañeiros. Así mesmo, facilítalles a interacción, podendo ver os máis noveis como os máis experimentados abordan e resolven problemas que se presentan na súa investigación e, ás veces, incluso un método utilizado por un vale para o problema doutro”, explica o coordinador do programa. A avaliación permite, por outra banda detectar posibles problemas na dirección das teses e, por último, tamén serve ao profesorado da Escola e do centro atlantTTic para coñecer as liñas de investigación que desenvolven outros grupos, “xa que, aínda que convivimos a diario no mesmo espazo, ás veces fáltanos tempo para esta actividade tan importante, que pode dar lugar a colaboracións entre diferentes grupos de investigación”, recoñece Manuel García.

Na sesión celebrada este venres a investigadora da Lodz University of Technology Katarzyna Znajdek ofreceu un relatorio sobre circuítos fotovoltaicos flexibles e textrónica para comunicacións móbiles. “Esta cuestión ten grande interese pola liña tecnolóxica que trata de integrar sistemas de sensores e comunicacións na roupa dos usuarios (tamén o chaman wearables). Esta tecnoloxía de circuítos impresos flexibles permite facelo. Ademais, a parte de alimentación fotovoltaica permite arranxar parcialmente o problema da recarga de baterías”, detalla o coordinador do programa DocTIC.