DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun obradoiro promovido pola Vicerreitoría e Novos Cinemas

Nove estudantes do campus crean xunto a Álvaro Gago curtas “cunha ollada propia”

Os resultados finais exhibiranse na primeira xornada do festival

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 14/10/2024

“Cando se fala hoxe en día de atopar a túa voz, penso que se fai referencia a unha certa maneira de ollar o próximo, de ollar o mundo”, sinala o cineasta Álvaro Gago, quen situou no próximo, na contorna persoal, o punto de partida das curtametraxes que desenvolven co seu asesoramento nove estudantes de Belas Artes e Comunicación Audiovisual. O director de Matria e egresado da Facultade de Comunicación é o responsable de impartir o obradoiro Cine rachado e consciente na praza do teu pobo, que impulsan a Vicerreitoría do campus de Pontevedra e o festival Novos Cinemas e que levará a nove alumnos e alumnas a presentar as súas creacións na xornada inaugural deste evento.

Aberto á participación do alumnado das diferentes titulacións de grao e posgrao que se imparten no campus pontevedrés, así como a titulados e tituladas o pasado curso, nove estudantes foron seleccionados para tomar parte nun obradoiro articulado en catro sesións presenciais entre outubro e decembro. A vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o codirector de Novos Cinemas, Suso Novás, acompañaron nos últimos días a Gago na sesión de apertura dun taller que, como lembrou a vicerreitora, achega ao alumnado a oportunidade de traballar en contacto directo cun profesional do sector, que é ademais un egresado da UVigo. Trátase, como engadiu Novás, da novena edición dunha iniciativa impulsada co obxectivo de que constituíse “un sistema de comunicación entre o campus e o festival de natureza interactiva e formativa, que pretende provocar unha interacción entre o talento, coñecemento e creatividade” de cineastas galegos como Gago, que o pasado ano estreaba a súa primeira longametraxe na Berlinale, “co talento emerxente dun campus especializado na creatividade”. 

Atopar “a idea na queiras traballar”

Recoñecido co premio do xurado no festival de Sundance pola curtametraxe Matria, que á súa vez serviu como punto de partida para a súa primeira longametraxe, Gago buscou na primeira sesión de traballo achegar ás e aos participantes esa idea de afondar na súa propia contorna, co propósito de atopar “o material co que che gustaría traballar”, esa idea “que quizais identifiquen que se non a fan eles ou elas é posible que non a faga ninguén”. A proposta deste cineasta baseábase nese senso en que as suas curtametraxes tivesen como punto de partida unha relectura da súa contorna, da súa “paisaxe sentimental”, de elementos próximos a eles e elas que poden pasar “desapercibidos” pero que poden dar lugar a “proxectos xenuínos, que é o que máis necesitamos a día de hoxe”. De aí que optase por pór o foco “na cuestións dos desexos” e na “capacidade de asombro” nunha sesión na que buscou trasladarlles tamén “as olladas de cineastas que poden marcar un certo camiño durante o obradoiro”, así como “lanzar cuestións sobre as que debater”, unha proposta que busca manter "aberta" co propósito de que permita dar lugar a pezas audiovisuais diversas. 

A seguinte sesión, que terá lugar tamén en outubro, estará xa dedicada a unha primeira análise dos proxectos iniciados polo alumnado. Xa en novembro, levarase a cabo unha revisión das pezas, co obxectivo de prestarlles asesoramento asesoramento de cara á montaxe final das curtas que este grupo de estudantes presentará o 10 de decembro, na xornada de apertura do festival. Neste punto, Gago salienta o “estimulante” dun obradoiro “que ponte en contacto con xente nova e cun tipo de olladas ás que ao mellor non estou exposto no día a día”, o que á súa vez, recoñece, “axúdame a revisar as miñas propias conviccións e crenzas”.