DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total son 40 as empresas que se darán cita neste evento

Nove iniciativas tecnolóxicas e creativas nadas na pandemia participarán en Pont-Up Store 2021

A edición deste ano terá lugar os días 24 e 25 de setembro

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 30/07/2021

Despois de ter que adiar a súa sétima edición o ano pasado por mor da evolución da pandemia, Pont-Up Store, evento de fomento da innovación e o emprendemento do noroeste peninsular, “xa quece motores para regresar con máis ilusión ca nunca e varias novidades durante os días 24 e 25 de setembro”, segundo indican os seus responsables. En total, nesta edición van participar 41 startups galegas: 36 serán empresas con stands e outras 5 empresas só desenvolverán actividades demostrativas na carpa. Entre elas hai un grupo de nove iniciativas que decidiron lanzarse ao mercado en datas recentes a pesar das dificultades provocadas pola covid-19.

Diversidade de iniciativas

“Pont-Up Store decidiu premiar ese emprendemento valente abrindo nesta edición unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) e tamén a emprendementos que xa participaran en pasadas edicións e que presentasen unha innovación destacable para afrontar con éxito a situación xerada pola covi-19”, indican desde a organización. O resultado son oito empresas con negocio de nova implantación e unha que repite no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa. Entre elas, destaca a innovación tecnolóxica aplicada para resolver os problemas de espazo e mobilidade nas cidades: Evourbe vai presentar un sistema intelixente de xestión de aparcamento que nace co obxectivo de revolucionar o estacionamento urbano e Vi&Go lanza un proxecto de mobilidade sostible mediante subscrición de motos eléctricas e intelixentes e un sistema de carga de baterías.

No sector da alimentación, Namelaka céntrase na preparación de “xeados insólitos e sobremesas artesanais con sabores disrutivos”; La Vanetta ofrece alimentación e restauración vegana e de proximidade; Tierra de Alebrijes propón “unha tortillaría tradicional mexicana”; e Essenzo Cacao “un Chocolate Bean to Bar feito á man en Galicia.” Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental foi seleccionada Benestar Market, un espazo virtual onde comprar produtos naturais e sostibles. Tamén entraron nesta convocatoria extraordinaria dúas empresas do ámbito cultural que ofrecen solución e alternativas á difícil situación que está a atravesar o sector. Dunha banda, Galpón Lab preséntase como unha asociación sen ánimo de lucro que busca dar apoio a artistas emerxentes para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito de Pontevedra e Festigaleiros como unha ferramenta virtual para atopar feiras, festivais e festas en Galicia.

En canto ás iniciativas que xa foran seleccionadas para participar na edición de 2020, a organización do evento sinala que hai unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes pero que mantén como denominador común a innovación e a creatividade. Así, estarán desde proxecto como A Factoría do Lume, de elaboración artesá de salsas e produtos picantes, ata Koompany, que gravará un podcast en directo sobre o márketing dixital e impartirá un obradoiro sobre a internacionalización dixital para emprendedores.

Novidades

O director do encontro, Pedro Figueroa, avanza que, entre as principais novidades que trae consigo este ano Pont-Up Store “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6000 euros”. Segundo subliña Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a pór en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”. "A plataforma dixital_pontup, en fase de desenvolvemento, fará posible que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apunta Figueroa.

Outra das principais novidades que traerá consigo este ano Pont-Up é a creación dunha asociación que se constituirá nos vindeiros meses, que se presentará nas datas de celebración do evento e que será bautizada como Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store. Os seus obxectivos son os de aproveitar a experiencia e os valores promovidos por Pont-Up Store ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

Pont-Up Store está organizado polo grupo de investigación G4 Plus co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata “conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra durante tres días na capital galega das mellores iniciativas empresariais”.