DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O número de beneficiarios incrementouse, nesta segunda edición, en cinco persoas

Nove persoas procedentes de Afganistán, Ucraína, Palestina e Venezuela reciben as bolsas de protección internacional da UVigo

A contía individual máxima da bolsa é de 3000 euros

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Estudantado
  • Internacional
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 19/01/2023

Segundo datos da ONU, cada minuto, 24 persoas vense obrigadas a deixalo todo para fuxir da guerra, a persecución e o terror. “Unha universidade socialmente responsable, comprometida e inclusiva non pode ignorar a realidade que están sufrindo as persoas refuxiadas e solicitantes de protección internacional e a educación superior pode contribuír notablemente a súa integración e éxito laboral, así, como elas, poden contribuír co seu talento á sociedade na que se integran”, afirma Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo, que por segundo ano consecutivo concede bolsas para o estudantado beneficiario ou solicitante de protección internacional. Neste curso 2022-2023 a institución académica viguesa outorga sete bolsas, catro a mulleres e tres a homes procedentes de Afganistán, Venezuela, Palestina e Ucraína, cunha contía individual máxima de 3000 euros por persoa. “O curso pasado dúas persoas foron as beneficiarias, unha muller e un home, e nesta segunda convocatoria das bolsas incrementouse notablemente a súa dotación”, explica Doval, que destaca ademais a excepcionalidade destas axudas, tendo en conta o número de persoas deste colectivo que a día de hoxe están en Galicia, así como feito de estar financiadas con fondos propios da UVigo.

As bolsas teñen por obxecto facilitar ás persoas con status de refuxiadas, beneficiarias ou solicitantes de protección temporal ou procedente de Ucraína con protección temporal, a realización de estudos universitarios, preferentemente oficiais, que permitan a súa integración no país. “Para outorgar as bolsas tivéronse en conta criterios socio-económicos e de vulnerabilidade familiar como discapacidade, enfermidade ou accidente grave, desemprego, existencia de cargas familiares…”, detalla Doval. A contía individual máxima da bolsa é de 3000 euros por persoa, incluíndo os prezos públicos por servizos académicos e administrativos correspondente á matrícula e o importe do seguro escolar; unha contía máxima de 2000 euros para todo o curso académico en concepto de axuda para gastos derivados da actividade académica e un curso de galego, impartido pola Área de Normalización Lingüística, ou de castelán, no Centro de Linguas da UVigo, a realizar durante este curso académico. 

Unha convocatoria que reta ás universidades

A vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade destaca o feito de que cada vez son máis as universidades que son sensibles ás necesidades do colectivo de persoas beneficiarias ou solicitantes de protección internacional, e neste sentido as institucións galegas non son unha excepción. Estas convocatorias que, sinala Doval, non teñen moitos anos de percorrido, presentan, non obstante unha serie de retos para as universidades. “Para o éxito das convocatorias é moi importante ter unha boa coordinación coas administracións locais e coas entidades sociais que xestionan os programas de refuxio e, dende a UVigo, estamos traballando nesa dirección”, sinala Doval, que apunta como outro dos retos que deben enfrontar as universidades a continuidade e coherencia das accións. “En moitas ocasións as accións de apoio a estes colectivos impleméntanse nun momento de crise internacional e de forte seguimento mediático. É importante que as institucións sexamos quen de adaptarnos a situacións de crise e emerxencia, pero as accións destinadas a persoas en situación de protección internacional non poden ser improvisadas, nin quedar desatendidas unha vez que deixan de ser o centro de atención”, demanda a vicerreitora.

A flexibilización dos requisitos documentais para o acceso ao estudo é o terceiro reto ao que Doval considera que deben dar resposta xa que, “moitas persoas refuxiadas quedan excluídas das aulas porque ao fuxir do seus países deixaron atrás os seus certificados e de exames e non poden volver a legalizar os documentos. Neste eido é moi importante o traballo conxunto das universidades e a comunicación destas coas administracións autonómicas e estatais para traballar entre todos cara a eliminación das barreiras”, unha cuestión na que Doval confirma que na UVigo se está avanzar coa creación dunha mesa de traballo no SUG.