A cita de aeromodelismo celébrase desde o 23 ao 26 de xullo
O novo dron de UVigo Aerotech voa na XtraChallenge de Valencia
O MIR-10 é froito do traballo de alumnado de Enxeñaría Aeroespacial e Enxeñaría Informática
Despois de participar na Air Cargo Challenge 2024 de Alemaña, o equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech, formado por alumnado das escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e de Enxeñaría Informática, compite esta semana na XtraChallenge de Valencia. Nesta ocasión faino cunha adaptación do seu novo dron, MIR-10, estreado con bos resultados na citada competición alemana.
A XtraChallenge, que se celebra do 23 ao 26 de xullo, é unha competición española universitaria de aeromodelismo, concretamente de transporte de carga con drons de á fixa, creada en 2022 por estudantes da Universitat Politècnica de València (UPV), do equipo Xtra2 UPV. A cita xurdiu co propósito de animar ao alumnado estatal a deseñar, construír e pilotar aeronaves radiocontrol desde unha perspectiva de enxeñaría. O certame está baseado na Air Cargo Challenge (ACC).
Aprender competindo
“Participamos cunha adaptación da aeronave da Air Cargo Challenge 2024, o MIR-10, xa que nesta competición nacional non se pode facer uso de fibra de carbono", explican desde o equipo da UVigo. O MIR-10, lembran, representa un significativo avance respecto ao seu anterior dron, o CORV-0. Entre as innovacións deste novo modelo destacan a substitución da estrutura interna de aluminio por madeira cortada por láser, o que permitiu unha considerable redución de peso. Ademais apuntan que “mellorouse notablemente a aerodinámica e incorporáronse avances na electrónica, que optimizan o rendemento xeral da aeronave en comparación cos seus predecesores”. Igualmente subliñan a gran calidade dos materiais proporcionados polos patrocinadores, así como o proceso de fabricación seguido colaborando con diferentes empresas. Este dron é o froito do traballo en equipo e multidisciplinar feito polos arredor de 40 estudantes de UVigo Aerotech.
Coa súa presenza en Valencia, o equipo logra participar por primeira vez en dúas competicións do seu eido en tan só un ano. Neste senso recalcan que “o noso obxectivo principal nesta competición é formar aos novos membros do equipo e acadar un relevo xeracional efectivo no proxecto", pondo en valor a cifra de participación de alumnado de primeiro e segundo curso nesta cita. Moi contentos de ter chegado a participar na XtraChallenge, dela destacan a oportunidade que supón de aprendizaxe e o seu bo ambiente de convivencia.
Para poder chegar a competir primeiro en Alemaña e agora en Valencia, desde UVigo Aerotech destacan e agradecen o apoio dos seus patrocinadores ao longo deste curso académico, entre os que destacan Coasa, Utingal, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, Symula, a Axencia Galega de Innovación e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.