DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación está editada polo grupo Ephyslab (CIM-UVigo)

Un novo número da revista Avances en Ciencias de la Tierra divulga catro traballos fin de estudos

Abordan temas como o impacto do cambio climático en bivalvos e os recursos solares fotovoltaicos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 10/01/2022

A revista electrónica anual Avances en Ciencias de la Tierra (ACT), editada polo grupo Ephyslab, Environmental Physics Laboratory (CIM-UVigo), acaba de publicar o seu número once. Nel recóllense catro traballos fin de estudos realizados no eido das ciencias da terra e nos que se abordan temas como o impacto do cambio climático en bivalvos, os recursos solares fotovoltaicos offshore, o contido total de electróns da ionosfera en Estremadura e modelado numérico no eido da enerxía das ondas usando o programa DualSPHysics.

Avances en Ciencias de la Tierra, editada en colaboración coa Asociación Ambiental Esclima, preséntase como unha publicación científica centrada nos distintos ámbitos de coñecemento relacionados coas ciencias da terra. A diferencia doutras publicacións deste eido, ACT ten, segundo explican desde a súa organización, unha dobre vertente científica-docente. Así, indican, a publicación pretende ser “primeiro, un banco de probas onde alumnado de diversos graos e mestrados aprenda as técnicas de publicación científica e, segundo, unha publicación científica ao uso, onde o rigor científico nos contidos alcance os mesmos niveis que na maioría das publicacións científicas tradicionais”. Deste xeito, esíxelle aos traballos presentados ter un contido científico que supoña un avance significativo e involúcrase na súa elaboración aos supervisores do traballo fin de estudos, ademais de establecer un sistema de avaliación de dous revisores.

Impacto do cambio climático

Son catro os traballos incluídos neste número, correspondente ao ano 2021 e que ten como editores responsables aos investigadores de Ephyslab Diego Fernández e Rubén Varela. O primeiro dos estudos titúlase Impacto do cambio climático en catro especies de bivalvos de interese socioeconómico nas Rías Baixas, Galicia, asinado polo alumno Adrián Castro e polas docentes Marisela Des e Maite de Castro. Este traballo fin de mestrado centrouse nos bivalvos Cerastodema edule, Rudapites decussatus, Venerupis corrugata e Rudapites philippinarum, algunhas das especies máis importantes desde o punto de vista socioeconómico nas costas galegas. No marco dun aumento da temperatura media global dos océanos, nel calculouse a temperatura da auga de fondo nas Rías Baixas para os períodos 1999-2018 e 2080-2099, obtendo mapas de confort térmico para cada especie analizada.

Estes mapas de confort amosan, segundo recolle o estudo, que na actualidade gran parte das áreas de confort atópanse en zonas internas para as especies Rudapites decussatus e Cerastodema edule, e en zonas con profundidades menores a 10 metros para Venerupis corrugata. No futuro, engádese no traballo, “o incremento da temperatura proxectada produciría un aumento das áreas de confort, que poderían desprazarse cara zonas máis externas e profundas das rías”. Nas zonas internas e someiras, engádese, o quecemento oceánico podería impactar negativamente na produtividade das especies analizadas ao diminuír o índice de confort térmico. A extensión de área cultivable podería aumentar nun futuro próximo para as especies R. decussatus, C. edule e R. philippinarum. Porén, para a especie V. corrugata, dita extensión podería diminuír, podendo verse comprometida a súa produtividade nas costas galegas.

O segundo traballo fin de mestrado recollido é Análise do recurso solar fotovoltaico offshore ao oeste da Península Ibérica, asinado pola alumna Beatriz Arguilé e os investigadores de Ephyslab Xurxo Costoya e Maite de Castro. O seu obxectivo foi analizar o recurso solar fotovoltaico ao oeste da Península Ibérica e localizar a mellor zona para a instalación de paneis solares fotovoltaicos offshore, ademais de estudar o cambio deste recurso no futuro nun contexto de cambio climático. “Tanto a análise histórica como as proxeccións futuras indican que o Golfo de Cádiz é a mellor zona para a instalación de paneis solares fotovoltaicos offshore, xa que presenta o maior recurso solar da zona e unha maior estabilidade ao largo de todo o ano”, indícase no estudo.

Ionosfera e DualSPHysics

Determinación do contido total de electróns (TEC) da ionosfera en Estremadura, asinado desde a Universidad de Extremadura pola alumna Rocío G. Meléndez e os docentes María Cruz Gallego e Javier Vaquero, é o terceiro dos traballos fin de mestrado incluídos neste número. Nel empréganse once estacións estremeñas que recollen sinais do Sistema de Posicionamento Global (GPS) para obter o TEC da ionosfera de Estremadura para o período 2010-2020, o que permite unha análise das características ionosféricas e da variabilidade do contido total de electróns sobre esta rexión. “A ionosfera xoga un importante papel nas comunicacións a larga distancia polo seu papel perturbador na propagación das ondas electromagnéticas que a atravesan. En particular, a ionosfera perturba os sinais de dobre frecuencia que son emitidos polos Sistemas de Navegación Global por Satélites (GNSS)”, sinálase no estudo.

Por último, a revista inclúe o artigo Numerical modelling of complex wave energy converter using DualSPHysics, asinado polo alumno César Crego e os investigadores de Ephyslab Iván Martínez, B. Tagliafierro, José Manuel Domínguez, Alejandro Crespo e Moncho Gómez Gesteira. Neste traballo fin de grao analízase a utilidade do programa de modelado numérico DualSPHysics, do grupo Ephyslab, para axudar no deseño de conversores eficientes de enerxía undimotriz, centrándose o estudo en FOSWEC, ferramenta desenvolvida por Sandia National Laboratories, de Estados Unidos.