DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha publicación electrónica de periodicidade anual

Un novo número da revista Redas afonda en temas de actualidade xurídica no eido dos recursos hídricos

Entre os temas abordados están as comunidades de regantes e as augas achadas en minas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 07/06/2024

Un novo número, o oitavo, da revista electrónica anual Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad xa está dispoñible para o público interesado. Nel, especialistas do eido xurídico e académico de diferentes países abordan unha pluralidade de temas de actualidade arredor dos recursos hídricos, pluralidade que abrangue desde aspectos relacionados coas comunidades de regantes ata as augas achadas en minas.  

Redas é unha revista anual posta en marcha no ano 2015 desde a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga. Trátase dunha publicación especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional. Está dirixida por Roberto O. Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da UVigo, e Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais, contando a publicación co apoio, entre outras entidades, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Catro traballos

Tras unha editorial dos seus co-directores, a revista, que combina o científico e o divulgativo, arranca cun estudo sobre o dereito de acceso á información nas comunidades de regantes, partindo dunha análise das resolucións dos consellos de transparencia. O traballo é obra do investigador da Universitat Abat Oliba CEU Álvaro González. Séguelle outro estudo, neste caso de ámbito internacional, feito por Miguel Ángel Michinel, catedrático de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo, e Arantxa Muñoz, da Universidade de Santiago de Compostela.

Xa no apartado de documentación administrativa e xurisprudencial, o novo exemplar da revista conta cun texto no que María Luisa Vilela, avogada e doutora en Dereito pola Universidade da Coruña, analiza un suposto peculiar de suspensión da execución de sentenzas urbanísticas que ordenan derribas, concretamente o caso do complexo turístico da Isla de Valdecañas. Completa este número oito un texto do tamén avogado e investigador da Universidad de Valparaíso (Chile) sobre a eficiencia do réxime das augas achadas en minas na lexislación de España, Bolivia, Chile, Perú e Guinea Ecuatorial.