DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Facilita a conexión directa entre o alumnado do centro e o tecido empresarial

nxeñaría de Telecomunicación lanza a súa propia rede de mecenas con 16 empresas líderes no sector TIC

A iniciativa presentouse este mércores en Redeiras coa participación do reitor, a directora e parte

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 10/05/2023

Conexión Teleco. Este é o nome elixido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para a posta en marcha da súa propia rede de mecenas, unha iniciativa da que xa forman parte 16 entidades, incluíndo empresas e centros tecnolóxicos, dirixida a facilitar a interacción entre estes 16 organismos que día a día buscan sumar novos talentos aos seus equipos e o alumnado do centro, especialmente aquel que comezará en breve a súa vida laboral. A nova rede presentouse este mércores no edificio Redeiras coa presenza do reitor, Manuel Reigosa; a directora da escola, Rebeca Díaz, e varias das persoas que exercerán de mecenas: Ruth Escarda, xerente técnica en Indra T&D e responsable da empresa en Vigo; Telmo Calle, director do centro técnico en electrónica na multinacional da automoción BorgWarner, e Roberto Pérez, socio consultor de Optare Solutions.

“Somos unha universidade moderna que quere fornecer de talento á súa contorna e, neste sentido, Conexión Teleco vainos permitir unha dobre vantaxe: por unha banda, é bo para a escola, xa que facilita que as alumnas e alumnos teñan conexión de primeira man co traballo que van realizar no futuro e, pola outra, é bo para estas 16 empresas, xa que acceden de xeito directo a todo o talento que agroma nas nosas aulas”, explicou o reitor ante os representantes das empresas e centros tecnolóxicos participantes. “A colaboración público-privada é importantísima para o país”, recalcoulles Reigosa, ao tempo que os animou a sacarlle proveito a esta iniciativa na captación de talento e tamén no desenvolvemento de programas de I+D+i.

“O cen por cen do noso alumnado fai prácticas en empresas”

Nesta liña a directora da escola, Rebeca Díaz, explicou que por medio desta iniciativa se busca a excelencia na formación de profesionais da telecomunicación, por unha banda atraendo estudantes que aínda non se matricularon na universidade e, pola outra, potenciando o interese e premiando o esforzo do estudantado que está en proceso de formación”, explicou a directora da escola, Rebeca Díaz, ao tempo que asegurou que “ambas accións redundan nunha maior visibilidade das entidades participantes entre o alumnado do centro”. 

Á súa vez, tal e como tamén se explicou durante a rolda de prensa, as compañías e organismos de investigación do sector, moitas das cales levan xa anos colaborando coa escola, precisan profesionais do perfil das persoas que se forman na ETT é, neste senso, recoñecen que se trata dun dos seus principais viveiros. “Participar en Conexión Teleco permítelles ter unha maior presencia no centro e, por tanto, estreitar a súa relación co estudantado”, insistiu Díaz, quen tamén apuntou que “a día de hoxe o cen por cen do noso alumnado fai prácticas en empresas”.

A colaboración inclúe prácticas, premios e moito máis

As entidades que participan na rede Conexión Teleco poden facelo de dous xeitos, segundo sexan as súas achegas ao proxecto: ‘amigas’ ou ‘mecenas’. Agora mesmo conforman a rede 11 entidades ‘mecenas’ -BorgWarner, Centum Research & technology, Optare Solutions, Indra, Quobis, Televés corporation, Marine Instruments, Gradiant, CTAG, R e atlanTTic- e cinco ‘amigas’ -Muutech, Everis, GB Tech, Balidea e Imatia-. 

Todas se comprometen a ofrecer prácticas profesionais ás alumnas e alumnos da escola. Nesta liña, cada unha elaborou cadanseu vídeo, de arredor de cinco minutos, nos que contan en primeira persoa en que sector son líderes e as razóns polas que lle interesan contratar persoas tituladas en enxeñaría de telecomunicación da EET da UVigo. Intelixencia artificial, ciberseguridade, desenvolvemento e implantación de software a medida... son só algúns dos eidos dos que se fala nestas pequenas pezas audiovisuais, primeira porta de entrada para coñecer en apenas uns minutos que busca cada unha das empresas.

A maiores as entidades ‘mecenas’ adquiren compromisos de patrocinio de actividades e premios, tales como premios a estudantes de primeiro curso co mellor expediente académico –galardóns de recente implantación–; premios aos mellores traballos do Laboratorio de Proxectos –Premios LPro–; ou galardóns para os mellores traballos de fin de titulación, entre outros. Por outra banda, desde a escola deixan tamén a porta aberta ao posible mecenado doutras iniciativas, tales como as Olimpiadas nacionales de telecomunicación, das que a escola é coorganizadora; os actos de graduación, tanto de grao como de mestrado, ou calquera outra actividade que poida xurdir no ámbito da divulgación e a captación de estudantado.

Desde a empresa Indra Ruth Escarda fixo fincpapé no “orgullo” que supón para esta empresa formar parte desta iniciativa. “Para nós é unha grande oportunidade colaborar coa escola e achegarlle ao alumnado as diferentes oportunidades que lles ofrece o mundo laboral”, explicou a enxeñeira, recalcando a importancia de fomentar as sinerxías entre ambos mundos, algo no que coincidiu cos tamén enxeñeiros de telecomunicación Telmo Calle, de BorgWarner, e Roberto Pérez, socio fundador de Optare Solutions e egresado da EET. “A nosa empresa xurdiu nas aulas desta escola e a día de hoxe un terzo do noso cadro de persoal son persoas egresadas da EET da UVigo”, explicou Pérez, ao que engadiu que “cantas máis empresas participen en Conexión Teleco mellor”.

A EET tratará de implantar unha nova titulación con mención dual

Na súa intervención a directora da escola sacou peito polos bos resultados que está a acadar este centro na captación de fondos de I+D. “Os nosos grupos de investigación e de docencia son equipos de vangarda e isto ten que estar tamén moi presente nas nosas aulas”, explicou Díaz, quen apuntou que a colaboración co tecido empresarial no ámbito investigador “vén de sempre”, pero que desde hai uns anos isto foise estendendo tamén á docencia. Aí é onde xurde Conexión Teleco, “unha innovadora rede de mecenado”, e onde, segundo avanzou nesta rolda de prensa, xurde tamén a iniciativa de pór en marcha unha nova titulación con mención dual no ámbito TIC, algo no que xa están a traballar.

Con respecto a esta posible posta en marcha deste novo grao dual, o reitor explicou que o día 31 remata o prazo de alegacións do proxecto galego de educación dual na universidade, “aínda que xa hai algunha iniciativa que non pasou por estes filtros porque xa se levaba moito tempo traballando nela”. Neste sentido, agradeceu o esforzo que están a levar a cabo desde a dirección da escola para pór en marcha un grao dual, “no que estarán as empresas desde o principio, asumindo compromisos para que o final da formación se faga xa dentro da empresa”.