DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de mellorar a práctica docente das e dos asistentes

Un obradoiro achégase ao aproveitamento das habilidades ‘maker’ no eido educativo

Centrouse no proxecto galego de robótica para nenas e nenos Escornabot

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • TIC
  • Cultura
DUVI Ourense 23/11/2022

Escornabot é un proxecto de código aberto galego de uso crecente nas escolas que pretende achegar a robótica e a programación a nenas e nenos. Tendo en conta esta premisa, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu durante os meses de outubro e novembro o obradoiro Habilidades ‘maker’ para a educación con Escornabot, que vén de rematar a súa actividade.

A iniciativa formou parte da programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Dirixido pola profesora Almudena Alonso, a actividade xurdiu como “un espazo para desenvolver habilidades maker poñendo o foco no ámbito educativo; un espazo para a reflexión e construción conxunta no que a tecnoloxía se convirte nun contexto para a mellora da práctica docente”. Deste xeito, a formación apostou por trasladar á educación os principios do movemento maker de formar unha cidadanía dixital crítica e mellor preparada para comprender o complexo mundo tecnolóxico no que vivimos e participar nel de forma plena, activa, crítica e responsable.

Robótica educativa

A programación do actividade arrancou cunha introdución á robótica educativa e máis concretamente ao proxecto Escornabot. Cun carácter eminentemente práctico, as e os asistentes continuaron a súa formación coa montaxe, experimentación, programación e personalización dun robot Escornabot e o deseño e creación de propostas didácticas. A formación tamén incluíu unha iniciación ao deseño e impresión 3D e á programación e electrónica con Arduino. O obradoiro, sinalou a súa coordinadora, pretendeu promover “o DIY (do it yourself), a ABP (aprendizaxe baseada en proxectos) e as habilidades maker” ademais da reflexión “sobre as posibilidades destas tecnoloxías, como contexto de aprendizaxe, na educación en xeral e no apoio á diversidade en particular”.

Na formación participaron oito persoas de perfil diverso, entre elas estudantes dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Enxeñaría Informática e do programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas-Enxeñaría Informática. A docencia correu a cargo da propia Almudena Alonso e de Miguel Gesteiro, ambos especialistas en tecnoloxía educativa. A celebración do obradoiro dá continuidade a outras accións formativas similares celebradas en anteriores edicións da programación de extensión universitaria do campus de Ourense.