DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica, ten lugar en Belas Artes

Un obradoiro afonda nas aplicacións da ilustracíón en múltiples ámbitos

Impartido polo egresado da facultade Santiago Paredes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/10/2021

“A ilustración como unha ferramenta para vestir e para enriquecer ideas ou negocios é algo cada vez máis presente”, salienta o ilustrador e exalumno de Belas Artes Santiago Paredes, que nestas semanas encárgase de impartir nesta facultade un obradoiro dirixido a afondar nas múltiples posibilidades que ten a aplicación desta disciplina tanto en proxectos persoais, como profesionais ou empresariais. Inserido no programa de obradoiros da Aula Crea, impulsado pola Vicerreitoría do campus e a Concellería de Promoción Económica e Universidade, o taller Ilustración en acción céntrase en explorar as conexións entre as ideas e a súa representación gráfica, a través do desenvolvemento de exemplos e propostas de exercicios que levan a afondar nas posibilidades do debuxo e a pintura para crear carteis, logotipos ou materiais promocionais.

Inserido no programa de actividades impulsado ao abeiro dun convenio entre a Universidade e o Concello de Pontevedra, trátase dun obradoiro aberto a toda a cidadanía, que reúne como alumnado tanto a estudantes de Belas Artes como a persoas alleas á comunidade universitaria. “A verdade é que a maioría tiñan moita destreza, notábase que levaban anos debuxando”, recoñece Paredes das e os asistentes a un taller que, non obstante, fora deseñado “para todos os niveis”. De feito, a idea central desta actividade era achegar aos e ás asistentes unha serie de “ferramentas” para enfrontar “supostas encargas de ilustración”, salienta, desde con “solucións moi sinxelas” tecnicamente, ata “o grao de dificultade que cada alumno poida asumir”.

Referencias, técnicas e consellos para xerar “solucións” reais

Con ese obxectivo, o inicio deste taller, estruturado en catro sesións, centrouse en achegar aos e ás asistentes “unha serie de referencias, para que poidan ver que fan outros artistas” e que “solucións” desenvolveron a partires dunha determinada idea ou encarga. Do mesmo xeito, Paredes buscou amosar aos e ás asistentes “diferentes tipos de técnicas”, antes de centrar as sesións finais dos taller nunha serie de exercicios prácticos que permitan aos e ás asistentes “sacar conclusións con traballos reais”. O obxectivo, sinala, será “que intenten dar unha solución gráfica a unha encarga, como se fora real, a través da ilustración”, aplicando eses “referentes, pequenos consellos e técnicas” a propostas de exercicios como, por exemplo, deseñar un logotipo ou xerar un motivo que poidese ser empregado como patrón no papel de regalo dun establecemento comercial.

Neste senso, Paredes recoñece o positivo de actividades, como este obradoiro, que poñen o foco nas aplicacións de disciplinas artísticas como a ilustración. “Desde a miña experiencia, cando nos formamos teorizamos moito e ás vece esquecemos un pouco á aplicación real, as saídas no mundo laboral, porque para ilustrar e debuxar hai ter contacto con negocios, con clientes, con axencias...”, sinala. De feito, con independencia “de que as condicións nas que traballan os artistas sexan as xustas, a ilustración é algo que está presente en todos os negocios, ata nos supermercados”, salienta este profesional.