DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolle a terceira edición dun taller centrado no xestor de contidos WordPress

Un obradoiro afonda en como crear e facer visible unha web

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 20/04/2021

O xestor de contidos de código aberto WordPress, empregado en preto dun terzo das webs existentes no mundo, constitúe a base do obradoiro de Extensión Universitaria que nestas semanas busca amosar aos e ás asistentes como crear e xestionar os seus propios espazos, á vez que achegarlles unha serie de claves para darlles visibilidade nos buscadores. Dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, a terceira edición do obradoiro Creación, xestión e posicionamento de páxinas web desenvoltas con WordPress desenvólvese de xeito presencial, na aula tecnolóxica da Vicerreitoría do campus, coas súas dez prazas cubertas por estudantes de diferentes perfís.

“É un grupo moi heteroxéneo, temos estudantes de grao, pero tamén unha alumna sénior e varios profesionais”, explica Rolán dun taller inserido na programación de obradoiros impulsada pola Vicerreitoría do campus para este cuadrimestre. Nas sesións semanais que se desenvolven desde o pasado mes, as e os asistentes fórmanse, partindo desde cero, no manexo da versión liberada deste xestor de contidos e nas funcionalidades que achegan os plugins xerados pola súa comunidade open source. Así mesmo adquiren nocións sobre deseño web, márketing dixital e posicionamento en buscadores, da man, subliña, “dun dos maiores expertos que hai en SEO e dinamizador da comunidade local de WordPress”, o consultor Wajari Velásquez, responsable de impartir este taller xunto con Rolán.

Aprender facendo

Co propósito de iniciarse neste xestor de contidos dun xeito práctico, as e os participantes de desenvolven ao longo do obradoiro un proxecto común, crear a web dun negocio local de asesoría de imaxe. “Entre todos decidimos a idea, como debería ser o deseño, que seccións debería levar a web, que tipo de funcionalidades...”, explica Rolán, que sinala que, aínda que cada quen deba crear a súa web, “os problemas aos que se enfrontan son comúns”, ao igual que a busca de solucións. “De feito, eu aprendo moito con eles, porque ao final todos temos a nosa experiencia de navegación e o bo do deseño é que hai múltiples formas de chegar a un mesmo resultado”, recoñece este docente. 

Un proceso de mellora continua

O taller pon tamén o foco no SEO, a optimización do posicionamento en buscadores, afondando en aspectos como estratexias de márketing en buscadores, os algoritmos de ordenación de resultados de Google, o uso de plugins que “teñen unha influencia no SEO e na experiencia do usuario” ou a analítica dixital, que permite que as decisións sobre un proxecto web estean baseadas nos datos de visitas. “Para min o SEO é unha mellora continua dunha páxina web, tanto da tecnoloxía como dos contidos, polo que adoito abordar moitas cuestións transversais”, salienta Velásquez, para quen a primeira clave para dar visibilidade a un proxecto web é a “claridade mental”, ter claros os obxectivos dun proxecto web, cos que o SEO “ten que estar aliñado”

Neste punto, este profesional incide tamén na importancia que ten “aprender facendo” nun mundo tan cambiante como o posicionamento en buscadores. “As cousas no mundo dixital cambian a unha velocidade vertixinosa e hai que aprender a sacarlle vantaxe e esa velocidade”, sostén este consultor, que lembra como webs creadas por participantes en edicións anteriores remataron converténdose “en modelos de negocios ou de autoemprego”.