DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha iniciativa do grupo de investigación PS1-Psicoloxía Xurídica

Un obradoiro afonda nas estratexias prácticas para atender as necesidades dos menores en casos de separación

A formación está destinada a futuros profesionais do eido educativo, psicolóxico e servizos sociais

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/10/2020

Ao longo desta semana, o Campus Remoto da Universidade de Vigo acolle a celebración virtual dun obradoiro de extensión universitaria centrado nas estratexias prácticas para responder ás necesidades específicas de fillos e fillas de proxenitores separados. O seu obxectivo é contribuír á formación de profesionais e futuros profesionais do ámbito educativo, psicolóxico e dos servizos sociais que, debido á súa proximidade coa familia, “poden desempeñar unha función privilexiada na dotación de apoio e promoción do benestar psicosocioemocional” das persoas implicadas nestes procesos.

Cunha duración de 20 horas, a formación está dirixida pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense María José Vázquez e organizado polo grupo de investigación PS1-Psicoloxía Xurídica da UVigo. A súa posta en marcha, indica a súa responsable, xorde tendo en conta como “o incremento das taxas de separación e divorcio provocou que os profesionais que abordan cuestións vencelladas á familia tendan a preocuparse máis por comprender as necesidades dos nenos e nenas, que están a vivir este complexo proceso”. Algúns destes profesionais, engade“recoñecen que a atención a estas familias e, máis particularmente a estes nenos e nenas, resúltalles difícil de manexar, en tanto que perciben que non están capacitados para abordalo ou ben no saben xestionalo de xeito adecuado”.

Xustiza terapéutica

No marco deste contexto, explican desde a organización da actividade, este obradoiro marcouse como obxectivos dar a coñecer á cidadanía, e de forma moi especial a profesionais e futuros profesionais dos eidos referidos, os recursos que existen para apoiar ás familias que están pasando por un proceso de separación e divorcio; ensinar a adaptar e elaborar propostas de intervención dirixidas a apoiar a estas familias e formar aos profesionais da educación, da psicoloxía e dos servizos sociais, así coma  a cidadanía, en xeral, para que sexan capaces de detectar as necesidades específicas destes menores e, en consecuencia, “darlle unha resposta que non vulnere os seus dereitos ou atente contra ao seu benestar psicoemocional”.

“O obradoiro convértese nunha plataforma idónea para achegar a estes profesionais e á cidadanía en xeral as achegas e beneficios ineludibles que xera a aplicación de estratexias de resolución de conflitos eminentemente pedagóxicas e amigables”, indica a coordinadora da iniciativa. Con isto, engade, “preténdese promover o paradigma da xustiza terapéutica nos procesos de ruptura de parella, o que implica que calquera aplicación que se faga da lei debe repercutir positivamente no benestar dos usuarios da xustiza”.

No obradoiro están matriculadas once persoas, cun perfil variado pero no que destaca o alumnado universitario, dos graos de Infantil, Primaria e Traballo Social do campus de Ourense, e profesionais de eidos como a psicoloxía e o dereito. Mesturando en cada sesión teoría e práctica, ao longo das sesións xa desenvolvidas esta semana abordáronse módulos de detección das necesidades específicas destes menores e a desxudialización e a comunicación amigable como estratexias de prevención. Este xoves a actividade formativa chega ao seu remate cunha sesión sobre a intervención en familias en alto conflito parental desde unha visión internacional. A docente será Olga Leticia Galicia, experta que intervirá desde México, onde conta cun dilatado curriculum no que se inclúen datos como ser presidenta do Colexio Mexicano de Profesionistas da Psicología e perito en materia de psicoloxía, ademais de ser membro e asesora de numerosas entidades deste eido e coordinadora de diferentes estudos. “Teremos a oportunidade de contar coa experiencia dunha experta internacional en xestión de conflitos parentais, que nos explicará como a figura do coordinador parental pode converterse nun incentivo para aprender de forma pedagóxica e positiva a resolver os conflitos e cumprir cos acordos, garantindo sempre o mellor interese do menor”, comenta María José Vázquez.