DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu a celebración dun taller de micoloxía

Un obradoiro para aproximarse ao cultivo de cogomelos na casa

Unha decena de persoas participaron nel

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 18/05/2022

Cada curso académico, a oferta de obradoiros de extensión universitaria que ofrece a Vicerreitoría do campus de Ourense, con financiamento da Deputación de Ourense, está a incluír habitualmente un dedicado ao mundo da micoloxía. Se nas primeiras edicións estiveron centrados na identificación práctica de cogomelos, este cuadrimestre o seu enfoque dirixiuse a introducir ás e aos asistentes no cultivo de cogomelos na casa.

Este Obradoiro de Domesticación de Cogomelos estivo dirixido por Mauro Rivas, investigador do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo MicoUvigo e contou con 30 horas de formación presencial. Os docentes foron, ademais do seu director, Paula Estévez e Hugo Fernández, da spin-off da UVigo MycoGalicia Plantae SL. As clases prácticas leváronse a cabo nos laboratorios de Aerobioloxía e Xeoloxía no edificio Politécnico do campus, agradecendo desde a súa organización a colaboración dos responsables destes laboratorios, Francisco Javier Rajo e Pedro Araújo. Paralelamente a este obradoiro, desenvolveuse un similar na Facultade de Bioloxía do campus de Vigo.

Abordaxe de todo o proceso

No taller, unha decena de persoas, maioritariamente membros da comunidade universitaria pero tamén de fóra dela, tiveron a oportunidade de explorar as distintas fases do cultivo doméstico de cogomelos, así como o cultivo en diferentes medios, utilizando materiais que se poden atopar en calquera fogar. “O alumnado aprendeu todo o proceso de cultivo de cogomelos, comezando pola extracción de micelio a partir dun exemplar fresco, a multiplicación do micelio en grao e a inoculación de pacas de palla e troncos con especies comestibles para a súa frutificación”, explica Mauro Rivas no peche do obradoiro. Tamén, engade, “tratáronse temas como a esterilidade no proceso de produción, os contaminantes químicos e biolóxicos e a lexislación sobre a produción e comercialización de cogomelos a grande escala”. O taller tamén incluíu a realización de sesións sobre os aproveitamentos gastronómicos, nutracéuticos e forestais dos cogomelos cultivables.

Durante as sesións prácticas, detalla Mauro Rivas, o alumnado puido illar micelio de Agaricus bisporus (champiñón de París) en placas de petri, replicar micelio de Trametes versicolor (cola de pavo) en grao, inocular pacas de palla con Pleurotus ostreatus (seta de ostra) e troncos de carballo con Lentinula edodes (shiitake). “Todo o material que o alumnado preparou no laboratorio puidérono levar para a casa, para facer o seguimento dos seus cultivos e obter as súas primeiras producións de cogomelos comestibles”, comenta o investigador. Para finalizar o obradoiro, as e os participantes tiveron que realizar un proxecto teórico sobre o cultivo dunha especie de cogomelo potencialmente domesticable da súa elección, detallando o proceso de illamento, multiplicación, cultivo e frutificación. “Isto permite ao estudantado obter unha visión xeral e integradora de todos os conceptos tratados ao longo do obradoiro”, sinala o director do obradoiro.