DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un taller centrado na edición e maquetaxe de arquivos para esta maquinaria

Un obradoiro detense nos procesos previos á impresión en risografía

Rematará coa preparación de pequenas publicacións por parte do alumnado

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Publicacións
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/10/2020

Desde 2018, a Facultade de Belas Artes dispón dunha multicopiadora Riso SF9350 que permite realizar pequenas tiraxes de múltiples tipos de publicacións, pero que require duns procesos de edición e maquetaxe previos con certas singularidades con respecto a outro tipo de impresións. Neses pasos previos pon nestes días o foco Erro al editar error, un taller inserido na programación de obradoiros impulsada pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. “Cando envías un traballo á imprenta, a empresa ocúpase de todo o procedemento de impresión, pero con esta maquinaria temos que facer nós tamén ese labor, o que ten as súas vantaxes e desvantaxes”, salienta o profesor da facultade Marcos Covelo, responsable dun taller que busca que ás e os asistentes adquiran os coñecementos necesarios para que “logo sexan totalmente independentes cando teñan que realizar un traballo específico en risografía, tanto na facultade coma fóra”.

De feito, o obradoiro que nas dúas últimas semanas se desenvolveu en Belas Artes dá continuación a un taller levado a cabo o pasado o curso co propósito tamén de achegar o alumnado ás características dunha copiadora que se caracteriza polo singular rexistro que as tintas deixan sobre o papel. “O ano pasado deixabámoslles experimentar coa máquina desde o inicio, estaba máis centrado en mostrar como funciona”, explica Covelo, mentres que nesta ocasión o taller pon o foco no manexo de programas informáticos de edición de imaxes e maquetaxe. 

Un resultado físico como peche

Nun taller marcado polas medidas hixiénicas e de distancia interpersoal ás que obriga a covid-19 e que dificultan, por exemplo, a manipulación da máquina, Covelo foi abordando cos e coas asistentes, entre os que figuran tanto alumnado como egresados e egresadas da facultade, tanto o proceso de edición de imaxes con Photoshop como a edición en In Design. A partires de aí, o alumnado foi progresivamente, preparando “unha pequena publicación de oito páxinas”, que imprimirán esta tarde na última sesión do obradoiro, co propósito de “que poidan rematar cun resultado físico”. Así mesmo, o feito de que as copiadoras Riso se caractericen por un proceso de impresión que non xera residuos de tinta, fixadores ou placas, e cun baixo consumo enerxético, motivou que outro dos obxectivos de taller fose deterse nos procesos de impresión “sostibles e respectuosos co medio ambiente”. 

“A miña idea é que isto sexa o máis independente posible e que xere mecánicas de traballo, mesmo externas á propia facultade”, conclúe Covelo desta nova actividade formativa vinculada a unha maquinaria que posibilitou a creación na facultade dunha liña de autoedicións, Error es bien. Nesta englóbanse propostas como unha convocatoria anual para a edición de dous proxectos de integrantes comunidade universitaria, xa levada a cabo en 2019, ou a elaboración dunha revista anual, que reunirá tanto artigos teóricos como obra gráfica e en cuxo primeiro número traballan actualmente.