DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición desta actividade celébrase de xeito virtual

Un obradoiro introduce aos participantes na identificación práctica de cogomelos

As persoas inscritas adquiren coñecementos básicos de micoloxía

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/11/2020

Por segundo ano consecutivo, a programación de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense inclúe este cuadrimestre a celebración dun taller micolóxico. Nesta ocasión, baixo o título Identificación Práctica de Cogomelos, a formación desenvólvese, atendendo ás medidas de loita contra a covid-19, de xeito virtual e nela participa unha decena de persoas de perfil moi variado en idades e formacións. O obxectivo da iniciativa é que as e os inscritos adquiran coñecementos básicos de micoloxía.

Dirixido por María Cabaleiro, o obradoiro, indican desde a súa organización, pretende que as e os participantes aprendan a apañar e transportar cogomelos para a súa identificación; recoñecer e identificar especies e coñecer tanto especies tóxicas, intoxicacións e tratamentos como especies comestibles. Igualmente, a formación achégase a temas como as propiedades nutracéuticas dos cogomelos, o seu tratamento na cociña e as posibles aplicacións antrópicas derivadas do seu uso. O panel de docentes está formado, ademais de por María Cabaleiro, por Marisa Castro, Andrés Cordeiro, Paula Estévez, Hugo Fernández e Gabriel Pérez, todos eles e elas membros do Laboratorio MicoUvigo.

Da macrimicoloxía á gastronomía

O programa do obradoiro inclúe contidos como unha introdución á macromicoloxía; a normativa galega para a apaña de cogomelos silvestres; o manexo de claves de identificación de cogomelos (claves tradicionais e Mycokey); o micetismos e o seu tratamento; a nutracéutica e unha introdución á micogastronomía. Na formación as e os incritos coñecen ademais os principais grupos de interese: macrolepiotas; Cantharellus, Craterellus, Lactarius, Boletus, amanitas e cogomelos semellantes. “A idea é que ao remate do obradoiro os participantes teñan uns coñecementos básicos do mundo da micoloxía e tamén que saiban utilizar as ferramentas que usamos no curso, como son as claves dicotómicas; que saiban como poden identificar un cogomelo e que coñezan as principais especies comestibles que temos en Galicia e as súas posibles confusións”, resume María Cabaleiro.

O obradoiro, comentan os seus responsables, naceu coma unha actividade presencial pero dada a situación sanitaria tivo que desenvolverse de xeito telemático “á espera de tempos mellores”. Con 30 horas de duración, a actividade, detallan, consta de charlas teóricas e traballo de identificación realizado polo alumando coa axuda de claves de identificación, de guías micolóxicas e dos docentes (on-line a través da plataforma Enmaxe con fichas de especies). Completando esta programación, realizouse unha única, e reducida en canto a aforo, saída de campo na contorna. Desde a organización agradecen de xeito especial a boa resposta das e dos participantes ante estas limitacións provocadas pola situación sanitaria e salientan o bo aproveitamento do curso que están a realizar.