obradoiros
A Vicerreitoría de Extensión Universitaria presenta para este segundo cuadrimestre unha oferta renovada de obradoiros. En total son dez propostas, a metade delas novas na programación, que comprenden eidos moi diversos, dende formacións relacionadas coa natureza e a sostibilidade ata talleres orientados ao emprego ou a cultura musical. Entre as principais novidades desta programación aberta a toda a cidadanía, está un obradoiro de inglés, outro sobre artistas e industria musical, unha iniciación ao blockchain, un curso centrado nas grandes figuras da música do século XX e un taller sobre a xestión do talento a selección de persoal. A estas cinco propostas hai que sumar o obradoiro de acuaponia, que xa se impartira hai anos e agora regresa, e outros catro que son xa clásicos na oferta de Extensión Universitaria, como o de identificación de herbas silvestres, o de teatro, o de música tradicional ou de xestión dunha horta ecolóxica.
Obradoiro de inglés
O obradoiro de inglés é unha das novidades para este segundo cuadrimestre, Impartirase no edificio Redeiras os venres do 20 de febreiro ao 10 de abril de 17.00 a 20.00 horas e o venres 17 de abril no mesmo horario e permitirá ás e aos asistentes mellorar as súas habilidades de oratoria, desenvolver a comunicación corporativa, fomentar a súa competencia multicultural, potenciar a marca persoal e profesional e desenvolver estratexias de comunicación para audiencias diversas
Talento e persoas
Tamén é novo este obradoiro que impartirá na Facultade de Comercio os venres e mércores do 17 de abril ao 6 de maio de 15.00 a 20.00 horas. A súa finalidade é dotar o alumnado de ferramentas actuais para seleccionar, motivar, desenvolver e liderar persoas nunha organización moderna. A temática abrangue selección profesional, análise de CV, entrevistas, desenvolvemento profesional, experiencia de empregado, clima laboral e tendencias actuais en xestión de persoas.
Artistas e industria musical
A música é o eixo central de varias das propostas, entre elas, o obradoiro de artistas e industrial musical, outra das novidades. Impartirase no edificio Redeiras os mércores e venres do 4 ao 27 de marzo de 16.15 a 20.00 horas co obxectivo de dar a coñecer e revisar as estruturas e procesos da industria musical, tanto dende a perspectiva profesional como dende o punto de vista das e dos artistas. Abordarase a análise de casos de artistas, casos de empresas musicais, scouting de proxectos musicais emerxentes e propostas de mellora e deseño de proxectos de empresa musical.
Introdución técnica e práctica a blockchain
Tamén é novo o obradoiro de introdución ao blockchain que se impartirá na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación o 23 de febreiro de 16.30 a 19.30 horas e os martes do 24 ao 14 de abril de 16.30 a 19.30 horas. A idea é que as persoas participantes podan comprender os fundamentos teóricos e arquitectónicos da tecnoloxía blockchain, así como coñecer os principais mecanismos de consenso, criptografía e seguridade asociada e interactuar con ferramentas e redes de proba blockchain, desenvolvendo actividades prácticas guiadas. Ademais tamén poderán familiarizarse co desenvolvemento básico de contratos intelixentes e transaccións descentralizadas e analizarán casos de uso reais en diferentes sectores e tendencias tecnolóxicas emerxentes.
Cantar máis historias
Outra das propostas novas é este obradoiro pretende proporcionar ao alumnado un coñecemento teórico e práctico sobre a forma de relatar biografías de artistas da música do século XX a través de feitos clave. Ademais, tamén se porán en valor as biografías de mulleres importantes na música e tratarase, de xeito monográfico en sete sesión as sete figuras relevantes do folk/pop/rock destacadas: Chavela Vargas, Leonard Cohen, Brian Wilson, Emmylou Harris, Karen Carpenter, Joan Jett e Daniel Johnston. O curso impartirase no edificio Redeiras do 22 de abril ao 3 de xuño de 18.00 a 21.00 horas.
Iniciación á acuaponía
O obradoiro de iniciación á acuaponia regresa á oferta dos obradoiros tras varias edicións sen impartirse. As clases serán os sábados do 28 de febreiro ao 18 de abril de 09.00 a 14.00 horas nunha sede aínda por determinar e a idea é dar a coñecer a acuaponia dende as súas orixes, pasando por experiencias actuais e mostrando as diferentes posibilidades desta técnica que combina a acuicultura coa hidroponia. Ademais, tamén se presentarán as nocións básicas para poder montar un sistema acuapónico por parte do alumnado asistente.
Clásicos que se non poden faltar
A programa de obradoiros do segundo cuadrimestre complétase con outros catro talleres que son xa un clásico na oferta de Extensión Universitaria, como o curso de identificación de herbas silvestres, que se impartirá na Facultade de Química os xoves do 26 de marzo ao 4 de xuño de 16.00 a 19.00 horas. Centrarase en recoñecer e identificar especies herbáceas, tanto as autóctonas como as alóctocnas, e en coñecer especies comestibles e propiedades nutracéuticas das plantas herbáceas e en analizar os usos tradicionais das plantas herbáceas en Galicia.
Outro clásico do campus de Vigo é o taller de posta en escena dunha obra teatral. Está destinado unicamente ás persoas que estiveron matriculadas no obradoiro do 1º cuadrimestre de iniciación ao teatro ou ben a persoas con experiencia teatral (proba previa coa docente do obradoiro). O obradoiro impartirase no teatro Vidal Bolaño os luns e mércores, entre o 24 de febreiro e o 11 da maio en horario de 17.00 a 20.00 horas. O obxectivo é a posta en escena do espectáculo Macbett, de Eugene Lonesco baixo a dirección de Casilda Alfaro e Sonia Rúa e percorrer, desde o punto de vista actoral, dun xeito eminentemente práctico, todas as fases dun proceso de creación teatral, desde as primeiras lecturas do texto ata a representación diante do público, pasando pola creación do personaxe, o diálogo co vestiario, os obxectos e os elementos de escenografía.
O obradoiro de música e baile tradicional galego é outra das propostas que nunca falta na oferta de obradoiros do campus de Vigo. As clases serán os martes entre o 24 de febreiro e o 5 de maio, de 15.00 a 18.00 horas e están dirixidas a consolidar os contidos traballados no primeiro cuadrimestre e afondar nos estilos da música e do baile tradicional galego, ampliando repertorio, técnicas e estruturas, así como na identificación das distintas zonas xeográficas a través da práctica. Para participar precísase levar instrumentos (gaita, pandeireta ou tambor).
A oferta complétase co xa tradicional curso de agricultura orgánica, que afonda no deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta. A formación impartirase os luns, 2 e 16 de marzo, 6 e 20 de abril, 4 e 18 de maio, 1, 15 e 29 de xuño e o 6 de xullo de 17.00 a 20.00 horas na horta do campus, situada detrás do Cinbio.
O período de matrícula, aberto ata o día 11
A inscrición nos obradoiros pode formalizarse dende este luns día 2 ata o vindeiro 11 de febreiro a través da plataforma Campus Activo. A matrícula realizarase por orde de inscrición ata completar as prazas ofertadas en cada obradoiro. Os prezos varían segundo o colectivo ao que se pertenza, dende os 41 euros para o público xeral ata os 26,65 euros para os colectivos A e B da comunidade universitaria (alumnado, PDI e PTXAS e familiares e comunidade alumni) e os 32,80 euros para o C (outras persoas vencelladas).
