DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dun proxecto de dúas alumnas, dirixido a dar forma a un “libro téxtil”

As obras creadas polo alumnado de Belas Artes con fío e telas exhíbense no comercio local

Poden verse ata finais de xaneiro na tenda Pontetelas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 17/01/2023

O interese de Nerea Gundín e Carmen G. Tenorio polos materiais e procesos téxtiles serviu como punto de partida para o proxecto Deshilachando, no que, como traballo para unha materia do Grao en Belas Artes, reuniron as creacións realizadas sobre tea por unha vintena de estudantes de Belas Artes e persoas afeccionadas á costura. O seu propósito, explican, era dar forma a un “libro téxtil”, conformado polas 20 “páxinas” creadas polas e os participantes sobre unha tea de liño, que ata o 31 de xaneiro poden verse no comercio Pontetelas. 

“Para nós, un libro téxtil consiste en traducir a linguaxe dos libros a un material como é a tea, achegándolle novas calidades e posibilidades pertencentes ao mundo da costura”, sinalan as impulsoras dun proxecto xurdido como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional. En primeiro termo, Gundín e Tenorio impulsaron unha convocatoria a través das redes sociais, “dirixida a calquera tipo de perfil”, da que saíron as e os 20 participantes neste proxecto, tanto estudantes da facultade como persoas alleas á comunidade universitaria. A cada unha delas achegóuselle unha tea de liño en branco e a premisa de levar a cabo unha intervención con “temática e técnica libre, preferentemente relacionada co mundo do téxtil”, o que á súa vez deu lugar a bordados, debuxos, pinturas, estampacións, colaxes... “As follas están resoltas desde diferentes perspectivas, unhas máis próximas a este mundo e outras desde puntos de vista máis plásticos”, sinalan dos resultados deste proxecto, que ata o 31 de xaneiro exhíbense no comercio Pontetelas. A elección deste establecemento centrado no mundo da costura, sinalan, permite, por unha banda, facer énfase “no carácter local e próximo do proxecto” e, por outra, contribuír tanto a achegar esta “pequena ventá á arte” á clientela do establecemento, como a que este sexa visitado por outras persoas por mor desta exposición. Unha vez rematada, sinalan, será o momento de coser as follas e dar forma finalmente a este “libro téxtil”.