No marco deste proxecto, Enrique Varela participou no congreso da Asociación Internacional de Cienci
O Observatorio da Gobernanza participa nunha investigación sobre a cooperación nas fronteiras da UE e Mercosur
Pondo o foco nas eurocidades da ‘raia húmida’ entre Galicia e Portugal
Financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o proxecto de investigación Bores reúne investigadores e investigadoras de diferentes países para estudar a resiliencia das fronteiras, entre os que se atopa o coordinador do Observatorio da Gobernanza G3 Enrique Varela. Liderado pola Universidad Complutense de Madrid, este proxecto centra os seus casos de estudo nas realidades fronteirizas da Unión Europea e do Mercosur e nos últimos días puña en común as súas diferentes liñas de traballo no Congreso Mundial da International Political Science Associaton (IPSA), celebrado esta semana en Seúl.
Ao abeiro deste proxecto, o tamén decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública tomou parte en diferentes mesas de traballo deste congreso mundial, no que afondou na liña de análise sobre as eurocidades da ‘raia húmida’ entre Galicia e norte de Portugal que centra a súa participación no proxecto Bores. “Os avances no proxecto teñen relación coa confirmación dos modelos de comparación das cidades transfronteirizas” que Varela desenvolveu previamente para un proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do goberno mexicano. Este, explica, tiña como obxectivo definir un modelo de análise científica de comparación de fronteiras que “agora vou aplicar ao Mercosur, que é unha zona de cooperación prioritaria na axenda da Unión Europea”. O seu obxectivo é que estes modelos permitan tanto identificar os elementos comúns como as diferencias existentes entre unha das áreas con maior con maior concentración de eurocidades coas fronteiras dos diferentes países americanos que integran Mercosur.
Diferentes mesas de traballo
No marco dun congreso no que se inserían “seminarios e actividades vinculadas á gobernanza transfronteiriza entre as institucións rexionais e locais europeas e Mercosur”, Varela presentou os avances dos traballos de campo desenvolvidos sobre as eurocidades da fronteira do Miño. Concretamente, o investigador puxo o foco na realidade de eurocidades como Valença-Tui, Tomiño-Vila Nova de Cerveira ou Salvaterra-Monção como espazos de “gobernanza policéntrica”, máis aló dos estados. Fíxoo nun grupo de traballo centrado na “resiliencia fronteiriza no século XXI”, eixe central do proxecto liderado polos investigadores da Complutense Heriberto Cairo e María Lois. Este panel puña de relevo como a pandemia da covid-19 ou a guerra de Ucraína “transformaron as características fronteirizas, non só no contexto inmediato, senón tamén nun mundo máis intercontectado”, segundo recolle a IPSA.
Varela foi tamén convidado polos responsables do comité de investigación sobre xeografía política e cultural a presidir un panel sobre xeopolítica de patrimonio, á vez que participou tamén, ao abeiro deste proxecto, nun grupo de traballo sobre “a interacción entre as divisións urbanas a nivel micro e as forzas xeopolíticas a nivel macro”.
Dirección e Xestión Pública acollerá un seminario internacional
A 28 edición do congreso mundial da IPSA, inaugurada cunha conferencia do ex-secretario xeral de Nacións Unidas Ban Ki-moon, reuniu en Corea preto de 3500 investigadores e investigadoras dun centenar de países. De aí que Varela incida no positivo da participación neste evento, non só para avanzar no traballo que desenvolve ao abeiro de Bores e dun proxecto liderado polos mexicanos Colegio de la Frontera Norte (Colef) e Centro de Investigación en Alimentación y Desarrollo (CIAD), senón tamén polo “espazo de traballo en rede” xerado neste foro internacional. Nese senso, o congreso serviu tamén para confirmar, sinala, a organización o vindeiro ano “dun seminario internacional sobre a xeopolítica da cooperación transfronteiriza” na Facultade de Dirección Xestión Pública.
