DUVI

Diario da Universidade de Vigo

De novo a través dunha enquisa masiva que estará activa durante 15 días

O Observatorio de Persoas Egresadas pon xa en marcha o estudo sobre o impacto laboral da segunda onda da pandemia

Abórdanse de maneira especial cuestións referidas ao teletraballo, os ERTE e a carga de traballo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 02/03/2021

Apenas unhas semanas despois de presentar o informe sobre o impacto laboral da primeira onda da pandemia de covid-19 nas persoas tituladas da Universidade de Vigo, realizado en colaboración co Consello Social, o Observatorio de Persoas Tituladas pon xa en marcha un novo informe de seguimento, centrado nesta ocasión nas consecuencias laborais que tivo a denominada segunda onda, período temporal que enmarcan entre o 1 de setembro e o 31 de decembro de 2020. “Queremos saber como evolucionou o impacto da actual crise durante a segunda onda da pandemia nos seus ámbitos sanitario, socio-laboral e no modo de traballo”, explican desde o observatorio.

“Ao igual ca no anterior informe buscamos coñecer cal foi a evolución das taxas de ocupación e de desemprego nas persoas tituladas da UVigo de calquera titulación e promoción, independentemente do lugar onde vivan ou traballen”, explican Luis Espada e Víctor Martínez Cacharrón na web do observatorio, volvendo a solicitar a colaboración da comunidade de antigos estudantes a fin de que lles dean a necesaria retroacción cubrindo unha enquisa que, en principio, manterán activa ata o vindeiro luns día 15.

Que pasou cos ERTE? O teletraballo chegou para quedar?...

A diferenza do estudo anterior, máis centrado nas medidas organizativas adoptadas polas empresas para continuar a súa actividade durante o confinamento máis estrito, nesta ocasión a enquisa aborda de maneira especial o tema do teletraballo, os ERTE e a carga de traballo que soportaron os antigos estudantes da UVigo. Con respecto ao traballo na casa formúlanse preguntas do seguinte tipo: Chegou para quedar? É aplicable a todos os postos de traballo? Vantaxes? Inconvenientes? Que % de teletraballo prefiren as persoas tituladas: 0/5 días a 5/5 días laborais...

Con respecto á extensión dos ERTE, ademais de solicitar información sobre a data de inicio e de finalización (real ou en previsión), tamén se formulan cuestións referentes ás diferentes incidencias producidas, desde atrasos no cobro ata cálculo da percepción ou na tramitación por parte das mutuas ou do Servizo Público de Emprego Estatal. A maiores a enquisa tamén recollerá datos sobre como afectou a pandemia aos ingresos persoais das persoas tituladas e ao seu fogar (do núcleo de convivencia) durante o ano 2020 e á súa carga de traballo (segue igual, aumentou ou diminuíu). “Estas temáticas responden aos comentarios que moitas persoas tituladas que participaron no estudo anterior deixaron plasmados na pregunta aberta que cotiña aquel cuestionario”, explican os impulsores do estudo.

Localizador web do antigo alumnado

A partir da elaboración dos seus informes, o Observatorio de Persoas Tituladas ten localizado xeograficamente moito do antigo alumnado da UVigo, un directorio que na actualidade ascende a 12.700 persoas egresadas que realizaron os seus estudos na UVigo entre 1990 e 2020 e que agora están espallados por todo o mundo. Grazas á colaboración do Consello Social, o observatorio publica agora unha nova ferramenta, un localizador web que permite xerar mapas dinámicos nos que se amosa o número de persoas egresadas en cada territorio, sen amosar ningún dato de carácter persoal ou de tipo académico. Este localizador está creado con tres niveis xeográficos: Galicia, o que permite facer a busca por concellos; outras comunidades autónomas, permitindo desagregar os datos por provincias e, nas comunidades máis representativas, tamén por concellos; e resto do mundo, que permite unha visión global e detallada en Europa e no caso dos países máis representativos.

A maioría das persoas egresadas da UVigo localizadas na base de datos do observatorio (82,8%) vive en Galicia, o 10,8% noutras comunidades autónomas e o 6,4% restante está espallado en 72 países do resto do mundo.