DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 1 de outubro preto de 150 egresados poderán participar na enquisa

O Observatorio de Persoas Tituladas avalía a inserción laboral dos doutores e doutoras no curso 2021/2022

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Calidade
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 27/09/2024

Co obxectivo de mellorar a calidade dos programas de doutoramento que oferta a UVigo e consecuentemente a formación do seu estudantado, o Observatorio de Persoas Tituladas, coa colaboración do Consello Social, está a realizar unha nova enquisa sobre empregabilidade e satisfacción, nesta ocasión centrada nas persoas tituladas en programas de doutoramento no curso académico 2021/2022. “Coa realización desta actividade, ao longo deste ano, o Observatorio completa a medición da empregabilidade do antigo estudantado durante o curso 2021/2022 nas tres tipoloxías de estudos oficiais ofertados pola UVigo: grao, mestrado e doutoramento”, sinala Víctor Manuel Vítor Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de persoas tituladas da UVigo, en relación con esta nova enquisa, na que tamén colaboran a Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade, o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao e a Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade. 

O cuestionario que permitirá coñecer a empregabilidade e situación profesional actual das doutoras e doutores ano e medio despois de rematar os seus estudos na UVigo e confirmar tamén o seu grao de satisfacción coa formación recibida, está dirixido a 148 persoas que realizaron un doutoramento no curso 2021/2022, nalgún dos 32 programas adscritos á Eido. A enquisa está a ser distribuída por correo electrónico entre as e os titulados que consentiron formar parte da base de datos do Observatorio e tamén está a ser divulgada na páxina de LinkedIn, a canle de Youtube  a páxina web do Observatorio. 

Prazos e resultados

O 1 de outubro é a data límite para participar na enquisa que é anónima, xa que non require o nome nin apelidos das persoas entrevistadas, nin identificación da empresa ou entidade na que traballa. “Realizamos este estudo agora, unha vez superados os 18 meses de finalización dos estudos de doutoramento, porque o antigo alumnado desa promoción xa conta con certa experiencia na súa carreira profesional e investigadora”, explica Martínez Cacharrón.

Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os informes de resultados recollerán os datos para cada programa de doutoramento e o agregado total e por ramas de coñecemento para todos os estudos da UVigo. Os resultados serán publicados na web do Observatorio e na do Consello Social, así como no Portal de Transparencia da UVigo. Así mesmo, o informe final de resultados será enviado aos antigos estudantes rexistrados na base de datos do Observatorio. 

Seguimento da inserción laboral dos titulados en estudos de doutoramento 

Ao esixir a lexislación vixente que as universidades realicen o seguimento da inserción laboral dos titulados en estudos de doutoramento e despois de que as universidades do SUG acordasen en 2021 harmonizar as metodoloxías e cuestionarios para realizalos, a Comisión de Calidade da Eido aprobou un procedemento para medición da satisfacción e inserción laboral dos doutores e doutoras dos programas da UVigo. “Ao Observatorio de Persoas Tituladas do Consello Social correspondeulle a dirección, supervisión e control xeral da realización, en colaboración da Eido”, detalla Martínez Cacharrón, que sinala que en paralelo tamén se aprobou a versión definitiva do cuestionario que ser debería aplicar e cuxos ítems foron integrados na actual enquisa.