DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Búscase a colaboración de todo o alumnado que finalizou un grao ou un mestrado ese curso

O Observatorio de Persoas Tituladas lanza un estudo sobre a inserción laboral da promoción 2018/2019

O cuestionario aplicado está a ser distribuído masivamente por correo electrónico

Tags
  • Estudantes
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 08/03/2022

O Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo acaba de pór en marcha coa colaboración do Consello Social un novo estudo. Nesta ocasión,  búscase elaborar un informe detallado sobre a inserción laboral das persoas tituladas da Universidade de Vigo en estudos de grao e mestrado universitario no curso académico 2018/2019, é dicir, pasados dous anos da finalización dos seus estudos, un período que desde o observatorio consideran suficiente para abordar unha análise deste tipo “pois son persoas que contan xa con algunha experiencia profesional e teñen tamén certo coñecemento e perspectiva do funcionamento do mercado de traballo da súa titulación”.

Con esta enquisa desde o Observatorio buscan saber como lles foi a estas tituladas e titulados: se traballan ou non, canto tardaron en encontrar emprego e se o seu posto de traballo está relacionado cos estudos realizados ou se, pola contra, procuran emprego, continúan estudos universitarios ou preparan oposicións.

O cuestionario aplicado está a ser distribuído masivamente por correo electrónico entre os titulados/as en estudos de grao e mestrado que deron o seu consentimento explícito para formar parte base de datos do Observatorio no momento de solicitar o seu título académico. A idea é chegar ao maior número de exalumnas e alumnos da UVigo que realizaron un grao ou un mestrado nesa promoción, estando nese curso a oferta académica constituída por 102 títulos: 44 titulacións de grao e 58 de mestrado.

Enquisas abertas ata o 21 de marzo

As enquisas foron deseñadas con dous perfís distintos: un para as persoas tituladas en grao e outro para as tituladas en mestrado, e o prazo para participar manterase aberto ata o vindeiro luns 21 de marzo.

O informe final de análise de resultados publicarase tanto na web do Observatorio, como na do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. Nesta liña, os responsables da posta en marcha do estudo fan fincapé en que estas enquisas xogan un papel importante en varios aspectos, entre eles o feito de que permiten coñecer a empregabilidade dos antigos estudantes; medir a satisfacción coa formación universitaria recibida; avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados; detectar a sobrecualificación e infracualificación e contar con información actualizada, fiable e útil sobre a inserción laboral das persoas tituladas.