DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para as e os egresados no curso académico 2020/2021

O Observatorio de Persoas Tituladas lanza unha nova enquisa sobre empregabilidade

A participación está aberta ata o 19 de xuño

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 06/06/2023

O Observatorio de Persoas Tituladas acaba de poñer en marcha, en colaboración co Consello Social da Universidade de Vigo, unha nova enquisa sobre a inserción laboral do alumando titulado. Desta volta, o estudo céntrase no índice e características de empregabilidade das persoas tituladas en estudos de grao e mestrado no curso 2020/2021. 

Dende o observatorio destacan que a obtención de indicadores de inserción laboral actualizados “é útil para a participación da UVigo nas últimas edicións dos ránkings universitarios que inclúen este ítem na valoración das universidades e, por ese motivo, o estudo que estamos a realizar foi solicitado ao Observatorio do Consello Social pola Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade”. Ademais, destacan, estas enquisas, xogan un papel importante en varios aspectos, xa que permiten coñecer con datos actualizados a inserción laboral dos antigos estudantes, medir a satisfacción coa formación universitaria recibida, avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados e achegar á UVigo información actualizada, fiable e útil de cara á mellora dos planos de estudos.

A participación, aberta a 3840 persoas ata o 19 de xuño

A enquisa está xa dispoñible e poderá responderse ata o 19 de xuño por parte dos 3840 alumnos e alumnas que remataron os seus estudos no curso indicado, 2865 no que atinxe aos graos e 1155 nos mestrados da UVigo. A oferta académica do curso 2020/2021 estaba conformada por 98 títulos, 42 de grao e 56 de mestrado.

A idea é coñecer, pasados 18 meses da finalización dos seus estudos, como lles foi nos seus primeiros anos en contaco co mundo laboral, “se traballan ou non, canto tardaron en atopar emprego e se o seu posto de traballo está relacionado cos estudos realizados ou se, polo contrario, procuran emprego, continúan estudos universitarios ou preparan oposicións”. O estudo realízase neste momento, destacan dende o observatorio, porque consideran que ten pasado un tempo suficiente “para abordar a análise da inserción laboral, pois o antigo alumnado desa promoción xa conta con certa experiencia profesional, ben como coñecemento e perspectiva sobre o funcionamento do mercado de traballo... Alén diso, trátase dun período de tempo comunmente aceptado para a aplicación de enquisas de inserción laboral a  titulados”.

Por primeira vez preguntarase polos ingresos

Nesta ocasión, o formulario aplicado inclúe pola primera vez unha pregunta ás persoas ocupadas sobre os ingresos, expresados en ganancias netas mensuais. As remuneracións obtidas, xunto co tipo de contrato ou a categoría profesional, é probablemente o indicador máis obvio sobre a calidade do emprego obtido.  
  
Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados serán publicados tanto na web do observatorio como na do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. 

A participación na enquisa realízase de forma anónima, non require o nome e apelidos nin o nome da empresa ou entidade en que traballan as persoas entrevistadas.