DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode participar alumnado de cuarto curso de Educación Secundaria

A Olimpíada Galega de Historia busca 30 equipos dispostos a pór a proba os seus coñecementos

O prazo de inscrición finaliza o 23 de abril

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 01/03/2021

A Facultade de Historia do campus de Ourense ten xa aberto o prazo para inscribirse na súa IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós. A cita volve á palestra co obxectivo de fomentar entre o alumnado preuniversitario a curiosidade e o interese por este ámbito de coñecemento e polos estudos nesta área. Debido á pandemia, a competición desenvolverase prioritariamente de xeito virtual, aínda que se a situación sanitaria o permite a fase final podería ser presencial.

Os obxectivos desta iniciativa son unha vez máis promover o interese do alumnado de Educación Secundaria pola Historia; visibilizar a importancia desta materia no currículo formativo do alumnado e destacar o aspecto lúdico da aprendizaxe da historia. A olimpíada tamén quere estreitar as relacións entre os centros de ensino secundario galegos e a Universidade de Vigo; dar a coñecer a Facultade de Historia e o campus de Ourense entre o alumnado interesado no ámbito humanístico e igualmente fomentar a relevancia das disciplinas humanísticas para a comprensión do mundo actual e a súa mellora. “Estamos moi ilusionadas porque xa estamos na cuarta edición desta olimpíada e xa conseguimos que sexa coñecida”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia.

A experiencia adquirida no último ano no desenvolvemento de actividades virtuais, indica Susana Reboreda, permitirá que este ano a competición se desenvolva axeitadamente aínda que sexa parcial ou totalmente on-line. Como precedente, apunta, está a edición do pasado curso académico, que aínda que estaba pensada para o formato presencial conseguiuse pasar a virtual tras a declaración do estado de alarma. A pesar destas limitacións provocadas pola situación sanitaria, a decana apunta como a competición, sexa en formato virtual ou presencial, “é moi emocionante” polo que anima ao alumnado e aos centros a apuntarse nesta iniciativa.

Probas de pregunta-resposta

Na IV Olimpíada Galega de Historia. Fai Historia con Nós pode participar o alumnado matriculado no curso 2020/2021 en 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria ou Educación Secundaria para Adultos dos centros de ensino secundario de Galicia. A participación na proba realizarase por equipos, podendo cada centro presentar un só equipo formado por catro estudantes e un docente encargado da preparación e representación a todos os efectos. O número máximo de participantes é en total de 30 equipos e realizarase por rigoroso orde de inscrición. O prazo de inscrición, que é electrónica, finaliza o día 23 de abril ás 14.00 horas.

A olimpíada, que conta co apoio das vicerreitorías do Campus de Ourense e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e do Consello Social da UVigo, entre outras entidades, desenvolverase en dúas fases. A primeira, a fase clasificatoria, terá lugar o día 21 de maio e levarase a cabo por medios virtuais. A segunda fase, as semifinais e finais, será o 28 de maio e celebrarase, segundo as circunstancias sanitarias, ou na Facultade de Historia do campus de Ourense ou por medios virtuais. A esta segunda fase, en caso de ser presencial, só terían que desprazarse os catro equipos participantes nela. Na cita, os equipos enfrontaranse nunha competición que seguirá o esquema pregunta-resposta e que se cinguirá aos contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º de Educación Secundaria establecidos pola actual lei educativa (Lomce). Realizaranse sucesivas roldas de probas eliminatorias entre os equipos, participando todos eles en como mínimo dúas quendas do concurso.

Entregaranse premios aos catro equipos mellor clasificados, tanto aos seus membros como ao docente encargado, e un trofeo e libros ao centro de pertenza. O agasallo varía en función do posto acadado pero consistirá no caso do alumnado en tabletas ou bonos para tendas de videoxogos de diferente contía e no caso do profesorado en bonos de fin de semana nun balneario ou entradas para termas.