DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O decano de Belas Artes pecha a súa etapa á fronte do espazo expositivo do campus

Once anos e 45 exposicións despois, Xosé Manuel Buxán despídese da dirección da Sala Alterarte

Neste período desenvolvéronse catro edicións do seu proxecto 'Estado Crítico'

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/06/2021

A principios deste mes de xuño inaugurouse na Sala Alterarte do campus de Ourense a exposición Precariedade Spam!, con obra do artista Adrián Conde e comisariada por Xosé Manuel Buxán, director desta sala e decano da Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. Con este comisariado, Buxán pecha unha etapa de once anos ininterrompidos á fronte de Alterarte nos que desenvolveu o seu proxecto expositivo Estado Crítico, ao abeiro do cal se celebraron 45 mostras dun abano de artistas e comisarios moi amplo e diverso.  

A marcha de Xosé Manuel Buxán supón “un final de ciclo para a Sala Alterarte”, ciclo que comezou no ano 2010, cando asumiu a dirección deste espazo expositivo e puxo en marcha Estado Crítico. El, indica, xa formara parte da “primeira época de conformación e constitución de Alterarte (2004/2007), na que era eu o que comisariaba aos artistas e o que lle daba forma á sala cunha selección de creadores fundamentalmente moi novos e galegos, que procedían na meirande parte da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e aos que demos a oportunidade de facer a súa primeira exposición individual”. Tras o paso seguinte de Ignacio García Gómez del Valle pola dirección de Alterarte durante tres cursos académicos, Buxán retomou a súa dirección en 2010 coa idea de “ter un rol diferente” nesta nova etapa. Ese foi, indica, o nacemento de Estado Crítico.

“Cando eu volvo en 2010 considerei que había que dar unha reviravolta e que igual era interesante que eu me encargase de comisariar comisarios, de procurar xente do mundo da xestión cultural, profesorado, críticos, prensa ou historiadores da arte, etc. que tivesen comisariado cousas anteriormente e convidalos a que pasasen pola sala e comisariasen novos proxectos”, comenta Xosé Manuel Buxán. “Era tempo de que outras persoas escollesen aos artistas, de dar outra ollada sobre a arte que non fose a miña, de que diferentes curadorías fosen proxectando multitude de miradas sobre a sala”, indica o profesor. A primeira edición de Estado Crítico, detalla o seu responsable, “fíxose cos críticos e comisarios que fundamentalmente escribían na prensa galega e dado o éxito da fórmula despois continuouse con historiadores, profesores... O asunto dou tanto de si que chegamos a celebrar ata unha cuarta edición”.

Olladas diversas sobre a arte

Ao longo das catro edicións de Estado Crítico tiveron lugar 45 exposicións de 43 comisarios e comisarias. Facendo balance desta bagaxe, Xosé Manuel Buxán sinala que “o mellor que puiden facer ao longo destes anos foi dar con Estado Crítico a oportunidade a moitísima xente de comisariar con absoluta liberdade un proxecto e eles á súa vez deron a oportunidade a moitísimos artistas de facer un proxecto para a sala. Foi un xogo de írmonos pasando a pelota dun xeito enriquecedor para todos”. Así, subliña, “unha grandísima parte da profesión artísticas de Galicia estivo representada en Alterarte tanto nos seus comisariados como no rol de artistas. Iso é algo que está no haber da historia da sala e paréceme un gran valor”. Nos once anos de traxectoria do proxecto, comenta Xosé Manuel Buxán, pasaron por este espazo expositivo artistas e comisarios de todo tipo de idades, formacións, propostas plásticas e estéticas, traxectorias, etc “e iso fixo moi enriquecedor ao proxecto, pois daba lugar a todo tipo de proxectos artísticos e era un modo de conseguir que a Sala Alterarte fose un espazo aberto, un servizo público no que todas as voces estivesen representadas”. Unha das grandes funcións da Sala Alterarte, apunta o seu responsable, foi ademais “ser un acicate e unha plataforma para a xente nova, que foi a máis representada na sala e iso é un bo sinal. É fundamental darlle cancha á xente que está empezando”.

Nesta traxectoria, Xosé Manuel Buxán destaca que outro gran valor de Alterarte foi a creación durante este tempo “dun fabuloso patrimonio artístico”, xa que cada artista que expuxo nela doou unha das súas obras ao patrimonio do campus de Ourense. “Iso é algo froito da xenerosidade das e dos artistas e nós estamos enormemente agradecidos de que iso fose posible e do seu legado”, indica. Por último tamén poñe en valor a produción editorial deste período, a edición dos catálogos de Estado Crítico que se viñeron publicando en cada edición “con absoluto coidado e mimo, uns catálogos que dan boa conta e a medida do contido e da actividade da Sala Alterarte”.

Toda esta actividade, comenta o responsable da Sala Alterarte, non sería posible sen o apoio recibido. Así, entre os agradecementos, destaca como foi “un motivo de enorme satisfacción a xenerosidade das e dos vicerreitores que pasaron polo campus de Ourense neste tempo (María Lameiras, Virxilio Rodríguez e Esther de Blas), que sempre apoiaron sen pestanexar, sen ningunha dúbida, o proxecto de Alterarte, ao 100%. É un motivo de orgullo que, independentemente dos diferentes modos de abordar a xestión do campus de Ourense, todos e todas tivesen claro o apoio á Sala Alterarte e continuar coa súa maquinaria expositiva e co armazón co que se veu desenvolvendo o seu proxecto”. Igualmente recalca como “se todos estes anos dirixín a sala con maior ou menor fortuna, a verdade é que sen o apoio do seu coordinador, de Filemón Rivas, técnico de Actividades Culturais do campus de Ourense, nada sería posible. O seu traballo foi impagable. Eu sempre digo que sen a presenza de Filemón nada de todo o organizado sería posible, porque a coordinación das exposicións é a tarefa máis complexa e el levouna a cabo en todo momento cun magnífico pulso”.   

Reformular a sala

“A partir destes catro Estados Críticos e desta enorme lista de artistas e comisarios que pasaron por Alterarte, pensei que era momento de reformular de novo a sala e de darlle unha nova oportunidade”, sinala Xosé Manuel Buxán sobre a súa decisión de non continuar á fronte do espazo expositivo. A idea é, adianta, que a partir de agora cada curso académico un comisario ou comisaria cree un proxecto específico de comisariado de artistas para traballar na Sala Alterarte. “Trátase dunha reviravolta para seguir dándolle vida á sala, para darlle novos pulos e novos folgos” e tamén para que “nova xente tome o temón da sala cada curso e se lles dea a posibilidade de amosar un proxecto de comisariado e investigación máis amplo e de maior percorrido”, afirma por último Xosé Manuel Buxán.