DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro deles será o de Enfermaría este venres 27 de maio

Os actos de graduación do curso 2021/2022 retoman a normalidade no campus

O alumnado festexará con familiares e membros da comunidade universitaria o remate dos seus estudos

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 26/05/2022

O curso académico 2021/2022 entra na súa recta final e con ela arrancan os actos de graduación para o alumnado de último curso e de mestrado do campus de Ourense. Despois das restricións provocadas pola pandemia en anos anteriores, recupérase a normalidade neste eventos e alumnado, membros da comunidade universitaria e familias festexarán xuntos o fin da formación universitaria destas novas promocións que viviron dous cursos académicos condicionados pola pandemia.  

Un promoción “forxada na pandemia”

A primeira graduación que se celebrará é a da IX promoción do Grao en Enfermaría, da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, formada por 48 estudantes e que terá como madriña á profesora do centro Miriam Vázquez. Será o 27 de maio, ás 17.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico do campus. Pondo en valor o esforzo e o traballo realizado por este alumnado no seu paso pola escola, a súa directora, Mª Milagros Fernández, subliña ademais como esta é “a promoción que se forxou durante a pandemia", unha pandemia na que, lembra, o persoal de enfermaría xogou un papel crucial.

Polo que respecta á Facultade de Educación e Traballo Social, cada un dos seus graos, dado o seu volume de alumnado, festexará por separado o seu acto de graduación. O día 3 de xuño, ás 17.00 h, farao Educación Primaria (88 estudantes) e ás 19.00 h Educación Infantil (76 estudantes). O 10 de xuño, ás 17.00 h será a quenda de Educación Social (63 estudantes) e ás 19.00 h de Traballo Social (59 estudantes). Os actos celebraranse no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico e terán como padriños e madriñas a María Elena de Jesús, Rubén González, María Esther Pérez, Jesús Deibe Fernández, Isabel Mociño, Valentín Iglesias, María Victoria Carrera e Xosé Constenla. Xosé Manuel Cid, decano da facultade, destaca que “desta promoción hai que resaltar a resistencia que tivo coa pandemia, adaptándose a unhas condicións de aulas moi diferentes e cambiantes durante case dous anos. Con toda a paciencia foron superando as circunstancias e conseguiron chegar ata aquí”.

Tamén o 10 de xuño, ás 18.30 h na aula magna do edificio Politécnico, celebrará a súa graduación o alumnado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Trátase da terceira promoción do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, formada por 40 estudantes que escolleron como madriña de promoción a Neves Seoane, directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) de Lugo. “Esta é a terceira promoción que se gradúa e énchenos de satisfacción poder celebrar a súa graduación nunhas condicións máis normais que nos últimos anos, dada a positiva evolución da covid. Tamén celebramos que estes graduados e graduadas poidan incorporarse a un mercado laboral aeroespacial en clara recuperación despois do parón da pandemia”, comenta Humberto Michinel, director desta escola.

A Facultade de Dereito celebrará o seu acto de graduación o día 17 de xuño, ás 18.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico. No seu caso trátase da X promoción do Grao de Dereito (37 estudantes) e da IV promoción do programa conxunto dos graos de Administración e Dirección de Empresas e Dereito (16 estudantes). Durante o acto, amadriñado polas profesoras María Jesús Castro e Susana Álvarez, tamén se celebrará o nomeamento como membro honorífico do Claustro de Profesores desta facultade de Roberto Luis Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, e farase un recoñecemento ao profesorado xubilado do centro. A súa decana, Marta Fernández, amosa “a nosa ledicia por recuperar este acto como recoñecemento aos anos de estudo e esforzo do alumnado e que simboliza tamén o momento a partir do cal confiamos en que a súa formación académica reverta en beneficio da sociedade”. Igualmente, destaca destas promocións a súa “paciencia, comprensión e colaboración durante os momentos máis difíciles da covid-19”.

Recoñecemento, implicación e compañeirismo

Seguiralle o acto de graduación do alumnado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o mércores 22 de xuño, ás 17.00 h, no Auditorio Municipal de Ourense. Celebrarán o remate dos seus estudos a XI promoción do Grao de Turismo, a XII do Grao de Administración e Dirección de Empresas (ADE), a IV do programa conxunto dos graos ADE-Dereito, a III do programa conxunto ADE-Enxeñaría Informática e a primeira do programa conxunto Turismo-Xeografía e Historia. No acto entregaranse os premios do Colexio de Economistas de Ourense aos mellores expedientes en ADE e Turismo. “Esta é a promoción que padeceu a pandemia do principio ao final. É unha promoción moi especial, que sufriu moitas adaptacións diversas, pero que conseguiu desenvolver un compañeirismo extraordinario”, indica a decana da facultade, María Montserrat Cruz.

O xoves 23 de xuño, ás 18.00 h no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico, celebrará o remate dos seus estudos o alumnado da Facultade de Ciencias, concretamente a X promoción do Grao de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (16 estudantes), da XIX do Grao de Enxeñaría Agraria (8 estudantes), da XIX do Grao de Ciencias Ambientais (26 estudantes) e o alumnado do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental (10 estudantes). No acto, apadriñado polo profesorado José Luis Alonso, María Flora Alonso, Daniel Arenas e María Fernández, tamén se entregarán os premios aos mellores traballos fin de grao nas diferentes titulacións, coa colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas. “A promoción que se gradúa destacou pola súa implicación e pola capacidade de superación ante os múltiples atrancos que xurdiron nestes anos de pandemia, o que fai que saian da facultade especialmente preparados e preparadas para desempeñar as súas futuras responsabilidades laborais", subliña o decano do centro, Francisco Javier Rodríguez Rajo.

Xa o 25 de xuño, ás 19.00 h no Liceo de Ourense, será a quenda das e dos estudantes da Facultade de Historia. Tendo como padriño e madriña de promoción ao profesorado do centro Victoriano Nodar e Susana Reboreda, graduarase a súa novena promoción do Grao de Xeografía e Historia (17 estudantes) e a primeira do programa conxunto dos graos de Turismo e Xeografía e Historia (3 estudantes). Trátase, subliña Julio Prada, decano da facultade, “dunha promoción moi boa e moi implicada nas tarefas do centro” na que destaca esa primeira promoción Turismo-Xeografía e Historia. “Para nós é moi relevante que se gradúe esta primeira promoción dun plan conxunto que funciona moi ben e que conta con excelentes expedientes”, indica.

A Escola Superior de Enxeñaría Informática  pechará os actos de graduación 2021/2022 no campus de Ourense o día 30 de xuño, ás 18.30 h, no salón de actos Marie Curie do edificio Politécnico. Trátase da X promoción do Grao de Enxeñaría Informática (55 estudantes), a IV do programa conxunto ADE e Enxeñaría Informática (3 estudantes) e a IX do Mestrado en Enxeñaría Informática (13 estudantes), que estarán apadriñados polo profesorado Mª José Lado, Adrián Seara e Ana Isabel Gueimonde. Uníndose ao recoñecemento ao esforzo destas promocións, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, subliña pola súa banda “a satisfacción de volver a celebrar este acto todos xuntos, alumnado, membros da comunidade universitaria e familias”.