DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase de cinco estudos coordinados por docentes dos campus de Pontevedra e Ourense

Os beneficios dos bosques, a conservación das abellas e a inclusión a través do deporte centran os proxectos que a UVigo desenvolverá ao abeiro do Plan Social Ence

Este venres tivo lugar o acto institucional de sinatura de convenios

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • HR
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 18/03/2025

Os beneficios que o tempo do ocio nos bosques poden supor para a saúde física e mental, a validación dunha metodoloxía que permita certificar os servizos ecosistémicos de carácter inmaterial que prestan as masas forestais, o uso da realidade virtual para promover un programa de exercicio terapéutico con persoas con síndrome de Down, o estudo do deporte como un elemento de inclusión e unha análise sobre a alimentación das abellas en áreas forestais costeiras. Estas son as liñas centrais dos cinco proxectos que investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo desenvolverán ao longo deste 2025 co financiamento do V Plan Social Ence Pontevedra.

A biofábrica desta compañía acolleu nos últimos días os actos de entrega de axudas aos diferentes colectivos e entidades beneficiarias nas diferentes áreas dunha convocatoria á que Ence destinou tres millóns de euros. Nela foron seleccionados un total de 286 proxectos, nos ámbitos de loita contra a exclusión social, recuperación e coidado da contorna, educación e cultura, emprendemento e innovación e deporte de base.

Os beneficios intanxibles dos bosques

Ao abeiro da anterior convocatoria do Plan Social Ence, o grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal puxo en marcha un proxecto pioneiro que tiña como obxectivo desenvolver unha metodoloxía coa que certificar os beneficios de carácter inmaterial, ligados ao ocio e ao benestar, que os bosques achegan ao ser humano. Este traballo levou á definición dun conxunto de criterios, indicadores e descritores cos que avaliar estes servizos ecosistémicos de carácter social, cultural ou espiritual, no que o grupo que coordina o profesor Enrique Valero buscará afondar a través dun novo proxecto seleccionado nesta convocatoria de axudas. O propósito desta segunda fase, explica, é “testar e valorar a idoneidade” desta metodoloxía a través dunha serie de traballos de campo, co propósito final de, unha vez validada, tratar de incorporala “aos procedementos en desenvolvemento dun recoñecemento expreso no marco do sistema PEFC-Plus Servizos Ecosistémicos”.

O papel dos bosques como espazos de recreo e ocio constitúe tamén o punto de partida do estudo que o grupo FS1, da Facultade de Fisioterapia, desenvolverá ao abeiro desta convocatoria. Este proxecto busca avaliar se o feito de que a cidadanía urbana acoda “cada vez con maior asiduidade a pasar o seu tempo libre en contornas naturais" está á súa vez relacionada “con beneficios reais e medibles en materia de saúde e benestar”. Concretamente, esta investigación buscará avaliar, explican, “a relación entre a exposición a contornas forestais e a regulación do sistema nervioso autónomo, o que podería axudar a reducir o estrés e mellorar o benestar xeral”, así como avaliar se eses posibles beneficios para a saúde física e mental están relacionados coa "calidade das masas forestais".

A alimentación das abellas e os seus efectos na biodiversidade

Coordinado pola catedrática da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Carmen Seijo, outro dos proxectos financiados nesta convocatoria céntrase no estudo dos “recursos de pole” que as abellas teñen á súa disposición en areas forestais costeiras, e máis concretamente en eucaliptais. Como indica a coordinadora do grupo de investigación en Sistemas Agroambientais, traballos previos teñen sinalado unha “crecente tendencia á desaparición de colonias de abellas melíferas en todo o mundo” e a súa mortalidade asóciase a diferentes factores, entre os que se atopa “a calidade nutritiva” e a diversidade do pole que teñen a súa disposición. Partindo desta situación, este proxecto abrangue ensaios de campo en Marín, Poio e Pontevedra, nos que se realizará un “seguimento das fontes de pole que as abellas obteñen da contorna”, co propósito de propor “medidas de acción que incrementen estes recursos”, dado os beneficios que isto suporía á súa vez para o mantemento dos ecosistemas e da biodiversidade. 

Deporte, actividade física e inclusión

Un estudo desenvolvido ao abeiro da anterior edición deste plan social permitiu ao grupo de investigación HealthyFit avaliar as posibilidades que achega o uso da realidade virtual inmersiva á hora de que persoas con párkinson poidan realizar determinadas prácticas en condicións de seguridade. Nesta nova convocatoria, o grupo de que coordina o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela dá continuidade a esta liña de traballo cun novo proxecto no que se porá en práctica un programa de exercicio terapéutico con persoas con síndrome de Down. O seu obxectivo, sinala, é que esta iniciativa contribúa tanto “á integración e igualdade de oportunidades” deste colectivo, como a promover “melloras na súa condición física e calidade de vida”. 

A inclusión e a práctica deportiva son á súa vez os eixes doutro dos proxectos seleccionados nesta convocatoria, coordinado pola investigadora do grupo CP2 da Facultade de Comunicación Montse Vázquez. Vinculado ás iniciativas Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, este estudo busca analizar a capacidade do deporte como “elemento de inclusión”, tanto fronte á discriminación por razóns de idade, como fronte ao racismo ou o sexismo. Con ese propósito estudarán a estrutura, funcionamento e iniciativas de diferentes entidades deportivas do ámbito local, co obxectivo de tratar de coñecer os “valores asociados a cada deporte” e de que xeito poden “facilitar a inclusión e integración”, sinala Vázquez, para posteriormente traatar de promover tamén “algunha actividade ou acción formativa” neste eido.