DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se expuxo este xoves nun congreso internacional celebrado en CC Xurídicas e do Traballo

Os cambios cara unha economía sostible e verde fan necesaria unha reforma global do mercado de traballo

O panel inaugural correu a cargo do economista Antón Costas e a xurista María Emilia Casas

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/06/2021

Os cambios cara unha economía sostible e verde, cada vez máis robotizada, teñen, e terán cada vez máis, consecuencias no terreo laboral, por iso debe loitarse por unha reforma global do ordenamento laboral e empresarial que permita que non todo ese coste, ou a maior parte del, recaia na parte máis débil do sistema, as e os traballadores. Estudantes universitarios, investigadores, profesionais do sector e público en xeral están a participar este xoves e venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no Congreso Internacional Retos para un mercado de traballo equitativo no contexto dunha economía competitiva, social e medioambientalmente sostible, un encontro no que poñentes de recoñecido prestixio dos ámbitos laboral e mercantil, achegan os seus puntos de vista sobre algunhas das principais problemáticas do mercado laboral actual: riders, secretos empresariais, problemas de competencia... 

Organizado polo Grupo de Investigación de Dereito Mercantil e do Traballo da Universidade de Vigo, recoñecido como de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, a inauguración do congreso estivo presidida pola vicerreitora de Investigación Belén Rubio e contou coa participación do presidente da Comisión Galega da Competencia Ignacio López-Chaves e dos catedráticos Jaime Cabeza e Julio Costas, principais cabezas visibles co comité-organizador deste encontro. Os tres fixeron fincapé na necesidade de iniciar un diálogo sosegado sobre os grandes retos da economía competitiva, social e medioambientalmente sostible.

 “Desde a Universidade queremos acoller foros de discusión e crear academia de calidade”, salientou Cabeza, quen fixo referencia ao acaído deste encontro xusto unhas semanas despois de que o presidente do goberno presentase o plan España 2050 co que se intentará camiñar cara un país máis eficiente, máis dixital, máis verde e máis xusto.  “Ese plan formula unha reestruturación da economía que organiza en catro grandes eixes: transición ecolóxica, transformación dixital, igualdade de xénero e cohesión social e territorial. Cada un deles propón diferentes retos e cuestións e, todos eles, son un pouco o leiv-motiv deste congreso, no que agardo poidades reflexionar con calma sobre todas estas cuestións”, subliñou a vicerreitora.

Antón Costas chama a atención sobre o incremento da desigualdade

A apertura do congreso contou coa intervención, vía telemática, de dous poñentes de gran prestixio: Antón Costas Comesaña, catedrático de Política Económica da Universidad de Barcelona e actual presidente do Consejo Económico e Social de España, e María Emilia Casas, catedrática de Dereito de Traballo da Universidad Complutense de Madrid e expresidenta do Tribunal Constitucional.

No caso de Antón Costas focalizou a súa intervención na desigualdade. O experto salientou o feito de que os niveis de desigualdade actuais non se coñecían desde principios do século pasado, amosando así a súa preocupación porque o crecemento económico actual non se traduce nunha diminución dese desiquilibrio, como aconteceu en épocas pasadas. Entre as principais causas desta situación, Costas situou a excesiva concentración do poder económico e empresarial e, nesta liña, salientou a necesidade de que a política económica e de competencia teña capacidade para facer fronte a esa concentración do poder empresarial. Remarcou a necesidade de que o Dereito da Competencia e o Dereito Laboral teñan capacidade para conseguir unha maior redistribución das rendas dispoñibles, algo necesario para poder acabar con esa desigualdade e, en xeral, coa pobreza laboral. Fixo mención tamén ás teorías defendidas desde a Escola de Chicago, principal expoñente do liberalismo económico, que apuntan a que  é necesario combater ese poder económico-empresarial que hoxe se aprecia, especialmente nos mercados en liña, con plataformas como Amazon ou Google.

Con respecto ao mercado laboral Mª Emilia Casas salientou a necesidade de abarcar unha reforma global e a acabar cos ‘parches’ dos cambios puntuais. Neste senso, en relación coa intervención de Costas, afondou na necesidade de que os traballadores sexan capaces de captar maior renda empresarial da que están a captar. Desde o seu punto de vista, esta situación é, en gran medida, consecuencia dun funcionamento disfuncional do mercado de traballo (elevados niveis de temporalidade, de índices de desemprego...). Falou tamén da necesidade de orientar a formación cara o mercado de traballo, do dereito do traballo como unha conquista da democracia... e de cuestións máis puntuais como ‘flexiseguridade’ ou teletraballo.

Dous días de intenso programa

Con arredor de trinta persoas matriculadas, a actividade continuará esta tarde cun segundo panel centrado xa no tema dos secretos profesionais. Moderados pola docente da Uvigo Marta Fernández Prieto, contarase coa participación do catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago de Compostela José Antonio Gómez Segade; da catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Córdoba Carmen Sáez Lara, e da subdirectora de cárteles da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, Isabel López.

O terceiro panel terá lugar mañá venres e leva por título A actividade dos riders: entre a competencia desleal e a regulación laboral e nel contarase coa participación dos docentes Lourdes Mella, da Universidade de Santiago de Compostela, e Pedro Portellano, da Autónoma de Madrid. A mañá completarase cun panel de comunicacións no que, entre outras temáticas, se abordarán cuestións como as restricións á libre circulación de deportistas profesionais na Unión Europea; os efectos do traballo a distancia desde unha perspectiva ambientalmente sostible; a protección do big data no ámbito laboral, ou as posibilidades de recrutamento de man de obra a través de empresas de traballo temporal nas administracións públicas.