DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso de iniciación á modalidade sen contacto

Os campus de Vigo e Pontevedra buscan promocionar o rugby entre a comunidade universitaria

Con dúas etapas de adestramentos, unha en outubro e outra en febreiro, que rematarán cun torneo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 14/10/2021

Coa finalidade de fomentar a práctica do rugby entre a comunidade universitaria, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo organiza un curso de iniciación ao Rugby Touch, unha variante deste deporte que se xoga sen contacto. Esta modalidade naceu en Australia como unha forma de quentamento que evita o contacto para non sufrir ningún tipo de lesión previa aos partidos. Precisamente por esta característica, foi a modalidade elixida para esta actividade divulgativa e de promoción, “para espertar o interese das persoas que forman parte da comunidade da UVigo sen os prexuízos que se teñen sobre este deporte”, como explican dende a organización. 

O curso, que será impartido por Óscar Ferreras, director Deportivo do Vigo Rugby Club, artellarase en dúas quendas de adestramentos, a primeira delas neste mes de outubro e a segunda en febreiro. As persoas interesadas poderán elixir entre inscribirse no campus de Vigo, adestrando no campo de rugby, ou ben no de Pontevedra, cos adestramentos no campo de fútbol 11- 1/2 A Xunqueira, grazas á colaboración do Concello da cidade. 

A actividade ten unha duración 15 horas entre as dúas etapas e comprenderá dous adestramentos á semana de 1 hora e 25 minutos de duración nos que as persoas participantes poderán coñecer os conceptos básicos deste deporte e aprenderán a pasar, a moverse polo campo, a ocupar espazos e a atacar, así como as diferentes patadas, a defensa e as regras e normas básica da práctica do rugby. A actividade finalizará cun torneo no campus de Vigo onde participarán os equipos de cada campus participante. 

Con esta proposta, a Área de Benestar, Saúde e Deporte trata de fomentar a práctica deste deporte e de captar xogadoras e xogadores universitarios para os equipos de rugby das cidades de cada campus. Pero a medio prazo a idea é poñer en marcha “un proxecto máis ambicioso” que consistiría na organización dunha liga intercentros de rugby seven, unha modalidade do rugby que ademais é deporte olímpico. 

A matrícula é de balde tanto para os membros da comunidade universitaria como para as familias e a comunidade alumni da UVigo. O prazo de inscrición remata o día 18 e os adestramento arrancarán en Pontevedra nesa mesma data e en Vigo ao día seguinte, 19 de outubro.