DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Concedéronse premios nas modalidades audiovisual, fotografía, pintura e maquetas de música

Os Concursos de Creación Artística volven sacar á luz o talento creativo do alumnado da UVigo

Repartíronse preto de 8000 euros entre as trece propostas gañadoras

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
D. Besadío DUVI 22/12/2022

Creación audiovisual, fotografía, pintura e maquetas de música. O talento do alumnado volve, un ano máis, saír á luz coa entrega dos premios dos Concursos de Creación Artística da Universidade de Vigo, galardóns cos que a institución quere amosar o seu compromiso coa innovación, a promoción, a difusión cultural e o apoio ao talento da comunidade universitaria. Nesta edición repartíronse máis de 7000 euros entre as trece propostas gañadoras e, como vén sendo habitual, o concurso con máis seguidores segue a ser o de fotografía, se ben o aumento do nivel de participación foi xeral en todas as categorías, recuperándose así as cifras prepandemia.

Múltiples premios de creación audiovisual

O premio que ten detrás o traballo conxunto dun maior número de persoas é o da modalidade Curta Narrativa, convocado dentro do XIX Premio de Creación Audiovisual. Son un equipo de dez alumnas e alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual, autores da curtametraxe Carlos foi vivir ao mar, un traballo “co que levar á práctica coñecementos, inquedanzas e sensibilidades comúns”, tal e como recalca Fernando Areal, director e responsable creativo da curtametraxe. Rodada integramente na localidade pontevedresa de A Guarda e co actor Fran Lareu, recoñecido polo seu paso pola serie Fariña como protagonista, “a historia moldéase a partir da idea dun home que opta polo autoillamento nun momento complicado”,  empregando para plasmar esta idea a súa imaxe cavando buracos no xardín coma metáfora visual da súa autodestrución. 

“A intención do equipo artístico detrás desta peza é a de trascender ao exercicio audiovisual para acadar una obra de valor cultural, que represente e enriqueza o patrimonio cinematográfico orixinario de Galicia ao mesmo tempo que bebe del, xa que as temáticas, a posta en escena e o ton da curtametraxe están influenciados pola produción de filmes que ten lugar, nos últimos anos, na nosa contorna”, explica o director. “Todas as persoas que formamos parte do proxecto temos idades entre os 21 e os 27 anos, e atopámonos nun período de formación, exploración e toma de conciencia do medio audiovisual”, engade Areal. “Esta é unha curta cunha mirada cara dentro, cara o propio: as nosas historias, os espazos naturais e as manifestacións artísticas que nos son máis próximas”. 

Nesta mesma modalidade, Curta Narrativa, o 2º premio foi para Dentro de mí, de Susana Gómez. No caso da modalidade de Non ficción o primeiro premio foi para My Truth, un traballo presentado tamén por un equipo composto por media ducia de estudantes e, en Vídeo Experimental premiáronse os traballos de Andrea Núñez, autora de Incandescencias -1º premio- e Iria Vázquez, creadora de Interludio -2º premio-. Nesta ocasión quedou deserta a modalidade de Animación e tamén o 2º premio da categoría de Non Ficción. Cada traballo gañador recibiu un galardón de 700 euros, 400 no caso dos segundos premios.

O premio de pintura, inspirado no surrealismo de Max Ernst 

No XIX Premio de Pintura convocábase un único galardón dotado, neste caso, con 1600 euros. O traballo elixido foi a obra 17.92 Somos los amos del mundo, do artista Miguel Teixeira Lamoso, egresado do Grao en Belas Artes e estudante do Máster en Valoración, Xestión e Protección do Patrimonio Cultural. “Este traballo forma parte dunha serie de collages creados para o  meu Traballo Fin de Grao e neles afóndase no mundo do subconsciente, empregando o azar, o proceso e as ideas que van aflorando e xerando unha obra de forma procesual e cuxo resultado final se trata dunha imaxe que une todo iso e que o espectador interpretará”, subliña o autor. Como principal referente tomou a obra de Max Ernst,  un dos máximos representantes do movemento dadá e o surrealismo, debido, sobre todo, a que lle interesaba a maneira en que este artista integraba formas de distinta natureza, así como a propia utilización que facía do collage.

Este é para Teixeira o primeiro premio que gaña e, ademais da dotación económica, que lle axudará a “seguir debuxando e ampliando a miña obra”, supón tamén para el a satisfacción de que o xurado se fixase e interesase polo seu traballo.

Cinco fotografías con premio

A afección pola fotografía está presente nunha ampla porcentaxe da poboación e isto tamén se fai ver no número de traballos que se presentan a estes premios, moito máis amplo que no resto dos concursos. No caso da modalidade de Fotografía Única o primeiro premio foi para Fento do Hío, presentado por Esperanza Broullón, estudante de doutoramento no Grupo de Oceanografía Biolóxica do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo. “Esta é a primeira vez que gaño un premio de fotografía e tamén a primeira vez que me presento”, salienta a investigadora, ao tempo que admite que nunca pensara en levar o seu hobby pola fotografía más aló da súa vida privada. “A primavera pasada tomei esa foto cerca da miña casa, xa que me gusta moito saír soa, coa miña cámara, a dar paseos pola natureza. Pareceume que era moi bonita e cando vin o anuncio do concurso nas listas de correo da UVigo, decidín presentala”.

Na modalidade de Fotografía Serie o primeiro premio foi para Aldara Vázquez, por Ausentes, e o segundo premio para Forranchadas de Rubén Mascato, se ben o xurado decidiu tamén conceder un accésit –co mesmo valor que o 2º premio- a Po e os meus pés descalzos, de Andrea Mosquera, “dada a calidade desta proposta no eido da fotografía performativa, pola sutileza e elegancia das formas e a suxestión do relato”. No caso de Fotografía Única o 2º premio foi para María López por Faíscas. Repartíronse en total 2100 euros -900 para cada un dos primeiros premios  e 600 para os segundos-.

Besta e Cantigas de Amor, nos Premios de Maquetas de música

No caso do XIX Premio de maquetas de música o xurado fixo referencia ao elevado nivel acadado nesta edición. Finalmente elixiron como traballo gañador, con 850 euros, Besta, do grupo Bicho, representado por Sara Martínez e, como segundo premio, con 450 euros, a Cantigas de amor, do grupo Dalsi, da man de Antón Álvarez.