DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula está aberto ata o 23 deste mes de setembro

Os cursos do Centro de Linguas no primeiro cuadrimestre manterán as modalidades presencial, semipresencial e virtual

Ofertaranse diferentes niveis de alemán, inglés, italiano, portugués e español

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/09/2021

A pandemia da covid-19 fixo que a docencia dos cursos do Centro de Linguas da Universidade de Vigo tivesen que trasladarse a un escenario virtual. Tras a boa acollida que esta modalidade tivo nas pasadas edicións, no primeiro cuadrimestre do curso 2021-2022 ofértanse cursos tanto presenciais como semipresenciais e totalmente en liña con acreditación de nivel.

O prazo de matrícula está aberto ata o 23 deste mes de setembro e a oferta comprende diferentes modalidades e niveis de alemán, inglés, italiano e portugués, así como de español como lingua estranxeira.

Como explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos e coordinadora académica do Centro de Linguas, “deseñamos cursos presenciais, semipresenciais ou virtuais que inclúen clases presenciais e/ou impartidas por videoconferencia, unha plataforma interactiva con actividades e recursos propios e un seguimento personalizado do progreso”. Ao rematar cada curso, as e os estudantes poderán obter un diploma de asistencia e unha acreditación de nivel.

Ampliación da oferta virtual 

A ampliación da oferta de cursos virtuais en todos os idiomas é unha das principais novidades deste primeiro cuadrimestre, “xa que permiten o acceso aos mesmos de estudantado dos distintos campus universitarios”, destaca Álvarez. As clases presenciais impartiranse na sede cidade e na sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial, na Facultade de Filoloxía e Tradución e, por primeira vez, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, no campus de Vigo. Respecto aos campus de Ourense e Pontevedra, amplíase a oferta en liña “para que máis xente poida acceder aos cursos”, xa que ata agora a demanda presencial era baixa e a oferta víase moi reducida ao non acadar os números mínimos para impartir a docencia. “Coa docencia virtual podemos chegar a moito máis alumnado” puntualiza a responsable do Cdl, pero con todo, están a valorar a posibilidade de ofertar en abril un curso presencial de español para estranxeiros, á espera de ver a cantidade de estudantes de mobilidade internacional que cheguen a estes campus.

Outra das novidades do cuadrimestre será a estrea dun curso virtual de alemán de nivel B1 anual, que se suma aos cursos dos niveis iniciais A1 e A2. No que se refire ao inglés, ofértanse cinco niveis, “entre eles un curso virtual de nivel A2 e curso semipresencial de nivel C2”. Ademais, por primeira vez os cursos anuais de preparación dos exames de Cambridge English B2 First (FCE) e C1 Advanced (CAE) serán virtuais. No que atinxe ao italiano, impartiranse cursos virtuais de niveis A1 e A2 e, respecto ao portugués, un curso semipresencial de nivel A2 e un curso virtual de nivel B2. Nestes dous últimos idiomas, os cursos cuadrimestrais serán con exame de certificación de nivel en decembro. Completa a oferta do CdL o curso de español como lingua estranxeira, que comprende clases presenciais e, por primeira vez, tamén virtuais.