DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade incluíu charlas e visitas guiadas pola contorna natural

Os cursos de verán arrancaron no Concello de Muíños abordando os retos da conservación da biodiversidade

Contou coa participación dunha vintena de estudantes

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Ourense 16/06/2025

Xa está en marcha a programación de cursos de extensión universitaria do campus de Ourense, os coñecidos como cursos de verán, que organiza a súa vicerreitoría con financiamento da Deputación de Ourense. Arrancaron coa celebración de Retos actuais e futuros na conservación da biodiversidade, formación que cada ano se celebra no Concello de Muíños. 

Baixo a dirección de María Fernández e María del Carmen Seijo, o curso contou con 30 horas de duración e unha vintena de asistentes, maioritariamente alumnado da Facultade de Ciencias do campus. Nel abordáronse “desde unha perspectiva científica a relevancia de aspectos como a conservación da biodiversidade, a prevención de incendios forestais e a xestión responsable dos recursos naturais e hídricos, co obxectivo de garantir un desenvolvemento sostible no século XXI”. A iniciativa, que se celebrou ao longo da pasada semana, contou para a súa celebración coa colaboración do Concello de Muíños e Naturgy. 

Fomentando a conciencia ambiental

Nos últimos anos, explican desde a organización da actividade, “a nosa contorna natural está sufrindo un deterioro significativo por mor de diversos factores, tales como o quecemento global e o impacto das nosas accións sobre o planeta”. Por este motivo, engaden, as políticas actuais céntranse en promover modelos sociais que favorezan un desenvolvemento máis sostible e no futuro será fundamental atopar un equilibrio entre a protección do medio ambiente e o crecemento económico. Tendo en conta estas premisas, no curso quixo fomentarse “o pensamento crítico e a conciencia ambiental en relación coa xestión do medio natural, destacando a importancia da protección de espazos naturais como a Reserva de Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gerês”.

O groso do actividade foron conferencias, a cargo de diferentes especialistas, celebradas en Muíños que tiveron como protagonista a citada Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, achegándose a diferentes aspectos dela, como a protección do medio ambiente nela, a súa xestión, o seu papel como ferramenta de protección da natureza; aspectos ambientais dela relacionados cos recursos hídricos e a resposta da biodiversidade a escenarios de xestión integrada do lume neste espazo. Tamén houbo tempo para achegarse a cuestións máis xerais, como o impacto dos microplásticos nos ecosistemas; o turismo termal e o medio ambiente; o futuro do ecoturismo nos espazos protexidos e o seguimento dos ecosistemas rochosos. Completou o programa a tradicional visita á citada reserva e ao pobo de Salgueiros, cun itinerario botánico, faunístico e xeomorfolóxico guiado por biólogos do parque e as profesoras da UVigo M. Carmen Seijo e María Fernández.