DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo coordinado polo profesor da UVigo Ernesto López Valeiras

As e os emprendedores con maiores coñecementos financeiros teñen maiores habilidades de xestión

Os seus resultados recóllense nunha publicación editada por Funcas e presentada este martes

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 15/06/2021

Co título Alfabetización financiera en empresas incubadas y sus implicaciones organizativas, este martes presentouse unha publicación sobre a educación financeira das e dos emprendedores das empresas incubadas en España. Elaborada no marco dun estudo coordinado polo profesor da UVigo Ernesto López Valeiras, nela analízanse as implicacións organizativas dos coñecementos financeiros das e dos emprendedores nas empresas de nova creación a partir dunha enquisa realizada entre as e os xestores que desenvolvían a súa actividade en incubadoras do ránking de Funcas 2018/2019. Entre os seus resultados destácase que as e os emprendedores con maiores coñecementos financeiros teñen maiores habilidades de xestión.

O libro foi presentado este martes nunha xornada virtual organizada pola entidade que o publica, Funcas, un centro de análise dedicado á investigación económica e social e á súa divulgación. O proxecto no marco do que se elaborou, financiado polo Programa de Axudas á Investigación en Educación Financeira de Funcas, estivo coordinado por Ernesto López Valeiras, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, e na redacción da publicación participaron por parte da Universidade de Vigo e da agrupación Ecobas ademais do propio Ernesto López, Roberto Graña e Miguel González, completando o panel de autores Freddy Coronado, da Universidad de Chile, e Ricardo Malagueño, da University of East Anglia.

“Desde unha perspectiva organizativa, a alfabetización financeira é entendida como a fusión de conciencia, coñecementos, habilidades, actitudes e comportamentos necesarios para que un xestor poida tomar decisións financeiras prácticas coa meta de crear ou administrar unha empresa, asegurando o seu desenvolvemento e sostibilidade”, indican os autores na publicación. Un dos motivos asociados tradicionalmente á mortalidade das novas empresas, destacan, “é a falta de alfabetización financeira dos emprendedores e a escaseza de recursos dispoñibles que lle posibiliten dispor de asesoramento especializado”, contexto no que, apuntan, nacen as incubadoras de empresas. Neste marco, engaden, un reto fundamental que deben afrontar as e os xestores de proxectos emprendedores é resolver “a tensión que pode xurdir da posesión e aplicación do coñecemento financeiro”.

Enquisa a 284 xestoras e xestores de empresas

No estudo realizado, recóllese na publicación, examinouse o grao de alfabetización financeira das e dos xestores de empresas incubadas en España e analizouse a súa relación coa innovación, con outras capacidades crave e co rendemento organizativo, atendendo tamén a variables de control como a formación da e do emprendedor e a idade da organización. Para facelo, os investigadores levaron a cabo unha enquisa virtual entre empresas incubadas, concretamente entre as e os emprendedores que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade en incubadoras presentes no ránking Funcas 2018/2019, acadando 284 respostas.

“Os resultados obtidos suxiren que os emprendedores con maiores coñecementos financeiros teñen maiores habilidades de xestión. Ademais, un alto coñecemento financeiro leva ao emprendedor a seleccionar tres indicadores básicos para medir o rendemento da empresa: beneficio, volume de vendas e control de custos”, indícase na publicación. Case tres cuartas partes das e dos emprendedores, engaden os investigadores, amosan un alto grao de coñecemento financeiro. “Este grupo de alto coñecemento financeiro formouse en economía e finanzas fóra da incubadora”, afirman no traballo. Así mesmo, a publicación recolle que as e os emprendedores con maiores coñecementos en finanzas tardan máis en iniciar os seus proxectos e presentan unha maior relación cos mercados internacionais. “Os resultados tamén suxiren certa asociación entre coñecemento financeiro do emprendedor e innovación, con todo, é unha relación complexa que debe ser estudada con maior detalle”, engaden.

As e os emprendedores con maiores coñecementos financeiros, recóllese na publicación, “dedican máis tempo á preparación e posta en marcha do seu proxecto empresarial, cunha reflexión máis ampla da súa viabilidade e do seu plan de negocio. Á súa vez, o grao de aplicación deses coñecementos é maior canto maior é o nivel que se posúe, cunha visión de máis longo prazo na toma de decisións”. O coñecemento financeiro, engaden os autores do estudo, amplía o abanico de indicadores aos que se presta atención para medir e interpretar o rendemento da empresa, proporcionando unha aproximación máis autocrítica aos resultados acadados.

Froito dos datos obtidos, no traballo sublíñase “a necesidade de aumentar a alfabetización financeira pero tamén a utilización de sistemas de contabilidade e control de xestión”. Así mesmo, insístese na publicación na necesidade de realizar itinerarios formativos específicos por parte das incubadoras, en función das previsións de rendemento e do potencial innovador das empresas incubadas.