DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadaron os obxectivos marcados para esta tempada

Os equipos do campus rematan con bos resultados a súa participación na Liga Galega de Xadrez 2026

O club conseguiu aumentar os seus membros e xogadores

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 29/04/2026

A Liga Galega de Xadrez 2026 rematou e os cinco equipos cos que competiu nela o Xadrez Ourensán Universitario finalizan facendo un balance positivo da tempada. “En xeral, os obxectivos deportivos que tiñamos marcados cumpríronse e o máis importante, o club medrou en número de membros e xogadores”, sinalan desde o club do campus de Ourense. Co reto de consolidar e mellorar os resultados do pasado ano, os 57 xogadores e xogadoras do Xadrez Ourensán Universitario adestraron cada semana no seu local do Edificio de Ferro do campus de Ourense e competiron as fins de semana.

O equipo do Xadrez Ourensán Universitario que estivo na división máis alta da competición foi o Universitario de Ourense A, que participou na categoría de preferente, onde cada xornada xogaron seis taboleiros. O obxectivo principal era manterse outro ano máis na categoría, xa que tanto os rivais como os desprazamentos "son moi esixentes". Finalmente quedou nunha sexta posición, con tres vitorias, tres empates e tres derrotas, acadando polo tanto o seu obxectivo. Seguiulle o Universitario de Ourense B, que estivo en primeira división, onde xogaron catro taboleiros cada semana. Neste caso, o obxectivo que se marcaron era consolidarse aínda máis na categoría, xa que o ascenso non é posible porque a competición non permite dous equipos do mesmo club en preferente, onde xa está o Universitario de Ourense A. O equipo da UVigo quedou tamén en sexta posición, con catro vitorias, tres empates e catro derrotas, manténdose na categoría e mellorando a puntuación da liga pasada.

Tamén en primeira división o club do campus competiu co Universitario de Ourense C. Este ano este equipo contou con varios reforzos, polo cal o obxectivo era finalizar o máis arriba posible na clasificación. Neste caso quedaron en novena posición, con catro vitorias, un empate e seis derrotas, salvando a categoría e coa satisfacción da boa resposta dos novos xogadores cos que contou este ano. Xa en segunda división participou o Universitario de Ourense D, con tamén catro taboleiros en cada xornada e co reto de manter a categoría tratando de quedar no posto máis alto posible. Quedou nun cuarto posto, con catro vitorias, dous empates e cinco derrotas, manténdose na categoría con moita marxe. Por último, o Universitario de Ourense E xogou en terceira división, con catro taboleiros por xornada. Nesta categoría competiron os xogadores máis novos do club e o obxectivo era ascender a segunda división. Remataron a liga en terceiro posto e non puideron ascender pero, subliñan desde o Xadrez Ourensán Universitario, “fíxose un equipo de nenos e nenas que se divertiron competindo e que xa están adestrando e agardando a liga de 2027”.