DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O artista ourensán protagoniza a nova mostra desta sala

Os “humanos” de cerámica de Iván Prieto múdanse a Alterarte

Fátima Otero é a comisaria da exposición

Tags
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 30/10/2020

Desde este venres e ata o 29 de xaneiro de 2021, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle unha nova mostra. Baixo o título Humano. Obra en cerámica o creador Iván Prieto (O Barco de Valdeorras, 1978) expón 13 pezas de cerámica nas que reflexiona sobre o ser humano e as súas emocións. A exposición está comisariada nesta ocasión por Fátima Otero.

Na inauguración da mostra, que forma parte da cuarta edición do proxecto expositivo Estado Crítico. 15 Comisarios e Comisarias e 15 Artistas, Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, subliñou que se trata da exposición número 77 que acolle este espazo e a primeira que se inaugura na “nova normalidade”. Buxán animou ao alumnado universitario a achegarse a ver as obras expostas en tanto que pola súa estética "falan moi directamente á xente nova". Pola súa banda, Ana María Torrado, directora de Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, salientou como durante o confinamento provocado pola pandemia a cultura demostrou que “é un dos novos valores máis importantes” e destacou como a mostra de Iván Prieto supón “un sopro de aire fresco e de beleza no momento tan gris que estamos a vivir”.
 
Sobre Humano. Obra en cerámica, Iván Prieto indicou que nela recolle “os traballos que fixen durante os dous ou tres últimos anos”. Nas 13 pezas expostas, dixo, plásmase o feito de que “eu sempre tratei a figura humana, interésanme as emocións do ser humano”. Ademais, apuntou, no título da exposición e en relación co seu contido xoga coa orixe da palabra “humano”, que, afirma, “vén de humus, terra”, lembrando como as obras que se poden ver nesta mostra son de cerámica. A exposición, engadiu, está formada por varios bloques de figuras: varias “bailarinas inspiradas un pouco no mundo da moda”; varias cabezas desinchadas “que fan referencia ao tema do baleiro”, e tamén varios “bustos con partes simbólicas na cabeza”, como mans (que conectan co desexo), disfraces (que levan á reflexión sobre identidade) ou desdorablementos (que evocan aos opostos).

“Rarezas afortunadamente aceptadas”

Segundo explica Fátima Otero na presentación da exposición, a mostra de Iván Prieto “é un relato autobiográfico porque aborda problemas que aflixen ao artista e, por extensión, inquedan ao cidadán”. As súas esculturas, detalla a comisaria, “exhiben rarezas afortunadamente aceptadas e valoradas desde o século XX por consideralas tan humanas como calquera das “normalidades”, e tentando con iso atopar no estraño un novo lugar”. O artista, comenta a comisaria da mostra, “ve beleza na diferenza, como un xeito de rachar límites e imaxinar formas extremas. Empodera e democratiza o corpo deforme, ora subíndoo á peaña da fama, ora enxalzándoo e valorando, precisamente, o defecto físico como un atributo máis do fabuloso circo humano”.

Das esculturas de Iván Prieto, Fátima Otero destaca que “desvelan problemas físicos xunto a trastornos psicolóxicos, como hipersensibilidade ou imaxinación mórbida, evidentes opresores do individuo. Son figuras anómalas que, ás veces, multiplican membros ou portan incómodas protuberancias inflamando ouvidos, testa ou expandindo desde o tórax incómodos elementos; incitan atracción e curiosidade como portadoras de misterios nos que albiscar”. Son, indica, “metáforas de estados de cegueira, enxordecemento, opresión ou outro tipo de bloqueo emocional, que nalgún intre sentimos como humanos, sobre todo nos tempos que nos toca vivir afectados pola covid-19”.