Na gala celebrada na tarde deste xoves no Pazo Provincial
Os IX Premios Provinciais da Xuventude recoñecen o talento que agroma na UVigo
Salvador Román e Andrea Davila foron os gañadores en investigación en ciencia e artes
Nunha edición que bateu o seu récord de participación, con 111 candidaturas, as investigacións e proxectos nacidos na Universidade de Vigo tiveron un papel destacado nos Premios Provinciais da Xuventude, promovidos pola Deputación de Pontevedra. Entregados nunha gala celebrada na tarde deste xoves no Pazo Provincial, a novena edición destes galardóns recoñeceu un traballo do investigador do CIM Salvador Román co primeiro premio da categoría de investigación en ciencia, mentres que a tese de doutoramento da egresada da Facultade de Belas Artes Andrea Davila acadou o galardón de investigación en artes.
En conxunto 39 mozos, mozas e entidades foron galardoados nestes IX Premios Provinciais de Xuventude, que repartiron un total de 31.000 euros en premios nas súas doce categorías. No apartado de investigación en ciencias, o primeiro premio foi para Dinámica de poboacións e interaccións entre Zosteira Noitei e as ameixas de maior importancia que habitan os bancos de Galicia afectados polo estrés climático, de Salvador Román, mentres que o segundo premio foi para a tese de doutoramento de Juan José López Escobar. Titulada Design of a new distributed mist, edge and fog architecture in beyond-5g environments for the internet of things, foi dirixida polos investigadores de atlanTTic Felipe Gil e Rebeca Díaz.
Outra tese de doutoramento, Evolución da escultura contemporánea en España: corpo, afecto e materialidade, que Andrea Davila realizou no Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, baixo a dirección do profesor Javier Tudela, foi recoñecida co primeiro premio de investigación en artes. Neste apartado, ademais, o tamén investigador da Facultade de Belas Artes Carlos Fer, do grupo dx5, logrou o segundo premio polo seu proxecto Pregar a pintura.
Por outra banda, a asociación estudantil UVigo Space Lab acadou o segundo premio na categoría de iniciativa xuvenil polo proxecto Cortis, mentres que a egresada do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Facultade de Deseño Luiselena Tilve acadou o primeiro premio en Deseño e Moda por Map of Me. Persona, a colección que desenvolveu como traballo de fin de mestrado e presentou en Debut 2024. A esta serie de distincións súmase a presenza de diferentes egresados e egresadas da UVigo entre os premiados e premiadas nas diferentes categorías, como é o caso, entre outros, de Fabio Rivas, que acadou os primeiros premios de narrativa e poesía, ou de Denis Carballas, vencedor no apartado de banda deseñada.
