Esta mañá visitaron a feira 450 alumnas e alumnos de nove institutos vigueses
Os LPRO Days levan ao Verbum os proxectos máis innovadores do alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación
A edición deste ano destaca pola presenza de propostas vinculadas á auga e á condución intelixente
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación celebra este xoves e venres unha nova edición dos LPRO Days, unha feira tecnolóxica na que o alumnado presenta os proxectos desenvolvidos ao longo do curso na materia Laboratorio de Proxectos. Como xa é habitual o evento desenvólvese en dúas sesións abertas á comunidade universitaria e á cidadanía: hoxe xoves no Museo Verbum de Vigo, pola mañá para alumnado preuniversitario e pola tarde para público en xeral, e mañá venres nas propias instalacións da escola.
Este ano bateuse un récord de participación de alumnado preuniversitario na visita aos postos instalados no museo Verbum: 449 estudantes de nove institutos vigueses, consolidando así esta iniciativa como un dos principais escaparates do talento innovador do estudantado da UVigo e da súa capacidade para transformar coñecementos técnicos en solucións aplicables a retos reais.
5000 euros en premios financiados por empresas do sector
Con esta actividade a EET reforza a súa aposta pola innovación aplicada, o traballo colaborativo e a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Desde a dirección da escola, Rebeca Díaz destaca a forte colaboración do sector empresarial co evento. De feito serán cinco empresas, todas da rede ConexiónTeleco, as que se farán cargo da entrega de premios aos mellores proxectos: cinco premios dotados con mil euros cada un da man de Gradiant, Optare Solutions, Marine Instruments, Quobis e o CTAG.
A maiores cóntase tamén coa participación no evento doutras firmas como Teltek, Fluge, Innatial, Técnica Engineering, ONCE, Wireless Galicia, Colabora Ingenieros e Telefónica
Proxectos integramente desenvoltos polo alumnado
Todos os proxectos foron deseñados e desenvolvidos integramente polo alumnado, once equipos multidisciplinares que presentan prototipos centrados en ámbitos como a intelixencia artificial, a internet das cousas, a seguridade viaria, a saúde, a accesibilidade ou a monitorización ambiental. Agora, ao longo destes dous días, teñen a ocasión de explicar o funcionamento das súas propostas diante do público e de profesionais do sector.
O profesor Manuel Caeiro, coordinador desta materia na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, destaca especialmente “a variedade de temáticas e o uso de novas tecnoloxías” presentes nesta edición. Como curiosidade destaca a presentación de “varios proxectos que tratan sobre temas relativos á auga: calidade dos mananciais, detección de riadas e explosións submarinas”, explica. Así mesmo, tamén pon o foco noutras iniciativas vinculadas á seguridade e á mobilidade, como os sistemas de apoio á condución. “Creo que imos sorprender unha vez máis coa variedade de temas que tratamos”, recalcou o docente.
11 equipos, 11 xeitos de achegarse á tecnoloxía
Os once proxectos participantes nesta edición dos LPRO Days amosan a diversidade de ámbitos nos que o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación aplica as novas tecnoloxías, con propostas centradas na intelixencia artificial, a internet das cousas, a realidade virtual, a seguridade ou a monitorización ambiental.
No eido da mobilidade e a seguridade destacan iniciativas como Bola, un sistema de asistencia arbitral para detectar fóras de xogo mediante visión por computador; Sira, orientado á detección de sirenas de emerxencia para mellorar a resposta do tráfico; Opsis, que aposta polo control da pantalla do coche mediante seguimento ocular para reducir distraccións; e FerroVixía, unha solución para detectar anomalías nas vías ferroviarias empregando tecnoloxías IoT e procesamento avanzado de sinais.
A saúde e o benestar tamén teñen presenza nesta edición con propostas como DormIA, un sistema intelixente de monitorización do sono baseado en sensores biométricos e algoritmos de machine learning, ou Sinfonie, unha ferramenta de realidade virtual para o adestramento en dirección de orquestra mediante captura de movemento e unha batuta intelixente.
Os retos ambientais e a monitorización do territorio constitúen outro dos grandes bloques temáticos, con proxectos como AugaCalidade, centrado na análise da calidade da auga en traídas rurais; HydRIA, unha plataforma de alerta temperá ante inundacións; e WaveBlaster, orientado á detección de explosións submarinas asociadas á pesca ilegal.
Completan a relación de proxectos Bookit, unha plataforma para a xestión intelixente de salas de estudo universitarias, e GuideGuard, unha solución de vixilancia para audioguías baseada en tecnoloxías BLE e ESP32 para reducir furtos e falsas alarmas.
