DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentáronse na Asociación de Empresarios de San Cibrao

Os novos institutos de Física e Ciencias Aeroespaciais e de Agroecoloxía e Alimentación amosan o seu potencial ao empresariado ourensán

Trátase dos dous primeiros centros deste tipo que se crean na UVigo

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cooperación
  • HRS4R
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 04/05/2023

Este xoves presentáronse na sede da Asociación de Empresarios de San Cibrao os novos institutos de Física e Ciencias Aeroespaciais e de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo, ambos con sede no campus de Ourense. Na sesión, explicáronse as características e potencialidades destas novas estruturas que agrupan instalacións, equipamentos e “moito talento” nas súas respectivas áreas co obxectivo de potencialas.

O acto contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José Antonio Rodríguez, presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao; David Fernández, director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, e Ángel Paredes, director do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais. Por parte da comunidade universitaria, tamén estiveron entre outros, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, e os responsables dos centros implicados nos novos institutos, como son a Facultade de Ciencias e as escolas de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Igualmente estiveron membros da asociación e de empresas como Audasa e Coren e responsables do Inorde (Deputación de Ourense), do Parque Tecnolóxico Galicia e da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), entre outros.

Durante a súa intervención, Manuel Reigosa amosou a súa convicción de que o futuro do campus de Ourense pasa por “facer unha transferencia de calidade”, por mobilizar os grupos de investigación operativos e por fomentar a participación en proxectos. Os dous institutos creados, explicou, son os primeiros da UVigo e agromaron porque “hai moito talento e moito traballo feito” nas súas áreas de actuación. Así, lembrou que a institución académica está en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos entre as 75 mellores universidades do mundo e “en moitos temas de enxeñaría” entre as 300 ou 400 mellores. “Hai algúns eidos nos que xa temos moitísimo talento e había que organizar ese talento. Pensamos que o instituto, que é unha figura recoñecida internacionalmente, era unha boa figura para facelo”, comentou. A posta en marcha dos dous institutos, indicou o reitor, supón “unha oportunidade fantástica” para potenciar a transferencia e para a posta en marcha de todo tipo de iniciativas, desde colaboracións puntuais ata proxectos europeos, con empresas da contorna. Neste senso, agradeceu a implicación na xunta directiva dos institutos presentados da Asociación de Empresarios de San Cibrao, do Inorde e da CEO.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios de San Cibrao explicou que esta xornada xorde “porque cremos firmemente que a captación de talento é clave para avanzar nun mercado competitivo”. Os institutos, dixo, son “dúas iniciativas que reforzarán o capital humano non só na cidade de Ourense senón en toda a provincia” en dous ámbitos nos que, indicou, “este polígono empresarial está especializado coa presencia de compañías referentes no sector”. José Antonio Rodríguez lembrou a “estreita colaboración” existente entre a súa asociación e a UVigo. “Unha das claves do éxito das nosas empresas é buscar a excelencia e apostar polo talento e para elo debemos seguir colaborando coa universidade e crear sinerxías que permitan promover estratexias efectivas nunha contorna laboral cada vez máis esixente”.

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación

O Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, explicou David Fernández, nace coa vocación de converterse nun centro de referencia na promoción a través da I+D+i da transición cara sistemas agrolimentarios máis resilientes, sostibles, seguros e circulares. A súa misión é promover unha contorna de investigación interdisciplinar e de excelencia con capacidade para ofrecer novo coñecemento e solucións que contribúan a este proceso de transición nun contexto marcado polos grandes cambios globais, incluído o cambio climático, preservando a biodiversidade e contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Este centro ten cinco obxectivos estratéxicos, como son acadar maiores cotas de excelencia científica a través do desenvolvemento dunha axenda científica aliñada coas políticas e prioridades de I+D+i europeas, estatais e rexionais; desenvolver, fixar e atraer talento; acadar maior impacto da investigación realizada no marco galego; converterse nun centro de referencia no seu eido e participar na creación do Iberian Food Laboratory co Instituto Politécnico de Bragança. As súas catro prioridades de investigación son a saúde e calidade do solo; a xestión e manexo de cultivos, a calidade e seguridade dos alimentos e a xestión e valorización de subpodutos.

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais

Pola súa banda e tal e como explicou Ángel Paredes, o Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais nace co obxectivo de ser impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física. A súa misión é converterse e posicionarse como un centro de investigación e transferencia de I+D de referencia para o sector nos campos da física, sistemas aeroespaciais e outras disciplinas relacionadas, conectado ás redes nacionais e internacionais máis relevantes. A súa visión é contribuír á innovación en física aplicada e en diferentes aspectos do sector aeroespacial, promovendo sinerxías entre ambos campos mediante unha investigación excelente e unha transferencia eficiente dos resultados da investigación “de forma responsable, recoñecida,  multidisciplinar, competitiva e comprometida coa promoción do desenvolvemento territorial da contorna social e empresarial”.

O centro márcase como eixos prioritarios fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade e ao sector produtivo relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar. A súa axenda científica estrutúrase arredor de cinco grandes áreas de investigación interrelacionadas entre si, como son a fluidodinámica e termodinámica; os sistemas ópticos; as aeronaves non tripuladas; as ciencias do espazo e a modelización, simulación e software.

En ambas exposicións, os responsables dos institutos puxeron en valor a masa crítica de investigadoras e investigadores que agrupa cada un e a súa destacada produción científica e volume de captación de fondos a través de colaboracións e proxectos estatais e europeos, amosando o seu desexo de incrementar a colaboración co sector empresarial ourensá.