DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foron realizados por persoal docente e investigador e alumnado da UVigo

Os premios do Campus Auga distinguen cinco traballos de investigación e divulgación científica

Trátase dunha iniciativa froito da colaboración entre a institución académica e Viaqua

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 28/02/2023

Os V Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus Auga, convocados anualmente pola Vicerreitoría do campus de Ourense no marco do seu proxecto de especialización arredor dos recursos hídricos, xa teñen gañadores. Nesta ocasión, son cinco as propostas galardoadas e realizadas por persoal docente e investigador e alumnado da Universidade de Vigo: unha tese de doutoramento, un traballo fin de grao, dous artigos científicos e unha acción divulgativa.

Os galardóns, que se entregarán nun acto que está previsto que se celebre no mes de marzo, están dotados en total con 3600 euros por Viaqua no marco do convenio de colaboración existente entre esta empresa e a Universidade de Vigo. O seu obxectivo é potenciar o Campus Auga distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribúan a situar e consolidar o campus de Ourense como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga.

Unha tese e un traballo fin de grao

Nesta edición, o premio á mellor tese de doutoramento foi para Towards a future implementation of the heterogeneous electro-Fenton treatment for water remediation, de Verónica Poza e dirixida por Ángeles Sanromán e Marta María Pazos. Nela, a investigadora centrouse no uso de ferramentas de optimización e control para as aplicacións de procesos de oxidación avanzada (POAs) no tratamento de contaminantes emerxentes. Nos últimos anos, estes POAs, recóllese na tese, téñense revelado como “unha interesante alternativa no tratamento de efluentes debido á versatilidade que demostran na degradación de contaminantes orgánicos de diferente natureza”. Porén, sinálase, “o aumento de contaminantes sintéticos, produto do incremento da industrialización, obriga a validar estas novas tecnoloxías para a súa aplicación na degradación de novos contaminantes, como son os denominados contaminantes emerxentes”, aspecto no cal se centrou na súa tese Verónica Poza.

O galardón ao mellor traballo fin de estudos recaeu no estudante da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense Jorge Ledo polo seu traballo fin de grao Modelado físico e numérico da interacción entre ondas e obxectos flotantes, titorizado por Alejandro Jacobo Cabrera e José Manuel Domínguez. O seu estudo céntrase “na análise da interacción entre ondas e obxectos flotantes”, realizando varios experimentos na canle de ondas nanoCIEM situada no edificio Campus Auga e simulacións numéricas equivalentes empregando o software DualSPHysics.

Dous artigos e un congreso

Na modalidade de contribución científica, foi premiado o artigo 3D Photogrammetry as a tool for studying erosive processes at a Roman coastal site: the case of the Roman fish-salting planta at Sobreira (Vigo-Spain), presentado polo arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio Adolfo Fernández e publicado en Archaeological and Anthropological Sciences (2022). O texto presenta os resultados do traballo realizado no marco do proxecto GaltFish nunha factoría romana de salgadura de pescado cuxos restos se atopan ameazados pola erosión mariña e a acción humana. Para estudar o sitio, tal e como recolle o artigo, creáronse modelos fotogramétricos para examinar o efecto dos procesos erosivos ao longo dun ano e os resultados, recollidos no artigo, "ilustran que a fotogrametría é unha ferramenta eficiente para rexistrar e analizar a erosión”.

Nesta categoría tamén se concedeu un accésit ao artigo presentado por Diego Fernández, investigador do grupo Environmental Physics Laboratory CIM-UVigo (EPhysLab), titulado Multiscale flood risk assessment under climate change. The case of the Miño River in the city of Ourense, Spain, publicado na revista da European Geosciences Union Natural Hazards and Earth System Sciences. Nel realízase unha análise multiescala do risco de inundacións na conca do Miño-Sil.

Por ultimo, concedeuse o galardón á mellor acción ou actividade de divulgación científica á presentada polo tamén investigador de EPhysLab Orlando García Floods2022 Prevención, resiliencia y respuesta frente a eventos extremos. Este congreso celebrouse no campus de Ourense en outubro de 2022, reunindo a universidades, centros de investigación, organismos de todas as concas hidrográficas españolas e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.