DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Vicerreitoría e AJE-Pontevedra no marco da rede Eusumo

Os premios ‘Crea economía social’ poñen en valor o papel das ideas como motor da innovación

Outorgouse un premio e un accésit para cada unha das áreas do Campus Crea

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 22/10/2021

O deseño de software para desenvolver con persoas maiores programas de exercicio terapéutico con realidade virtual; unha tenda que permitise ao alumnado de Belas Artes reducir o custe dos materiais que precisan na titulación, unha plataforma que facilite o intercambio de roupa de segunda man nos núcleos rurais... Estas son algunhas das ideas de negocio de estudantes universitarios e emprendedores que este venres foron premiadas na primeira edición do concurso Crea economía social, unha iniciativa promovida pola Vicerreitoría do campus e AJE-Pontevedra no marco da Rede Eusumo, impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social. Dirixida a premiar as mellores propostas baseadas nos principios da economía social ligadas ás catro áreas do Campus Crea, o xurado outorgou un premio e un accésit ás mellores ideas en artes, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar e medio ambiente e natureza. 

"As ideas son unha parte fundamental da Universidade”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, que lembrou neste acto que, a pesares de que “moitas veces non se premian, detrás dunha idea hai un gran proceso de innovación”. Fomentar a cultura emprendedora era nese senso outro dos propósitos dun concurso no que se outorgou ao gañador en cada categoría un premio de 250 euros, mentres que os merecedores dun accésit obteñen a cota de balde en AJE-Pontevedra durante un ano, o que lles permitirá beneficiarse dos diferentes servizos desta asociación, cuxo presidente, Jesús Rey, puxo o acento neste acto na importancia de que “a Universidade estea sempre cerca dos empresarios”. 

Catro premios

Na categoría de mellor idea de negocio en deporte, saúde e benestar, o premio foi para RV-Fisio, unha proposta que o alumno de doutoramento Pablo Campo presentou xunto co profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez e derivada da súa liña de investigación sobre as posibilidades terapéuticas da realidade virtual inmersiva nas persoas maiores que centra a súa tese de doutoramento. “Pareceume unha iniciativa moi interesante, porque trata de levar un pouco a investigación á sociedade”, salienta o investigador do grupo HealthyFit, que presentou un proxecto centrado no deseño e validación dun software para lentes de realidade virtual que inclúa programas de exercicio terapéutico deseñados especificamente para a súa aplicación no colectivo sénior. 

No ámbito de artes, comunicación e creatividade, o premio foi para o graduado en BBAA Ricardo Manuel González pola súa proposta Outlet de materiais BBAA, unha tenda de materiais de segunda man dirixida a reducir os custos para o alumnado daqueles produtos, como pinturas, lenzos ou bastidores, que precisan ao longo da carreira. “A idea naceu un pouco desa necesidade que existiu sempre entre o alumnado da facultade de organizarse para comprar materiais xuntos e reducir o prezo”, explica González Lede.

No apartado de educación, innovación social e xestión pública, o premio foi para o emprendedor Miguel Pampín por O Taller, presentado como un “espazo de traballo cooperativo”, que permita desenvolver con ferramentas profesionais múltiples tipos de proxectos. Por último, o premio de mellor idea de negocio en medio ambiente e natureza foi para Irene Conde, Saray Dacosta e Nerea Figueroa, tres alumnas de FP do Colexio Vivas de Vigo. Xunto coa súa profesora Ángela Riveiro presentaron o proxecto Sairne S. Coop. Galega, ideado coa idea de facilitar o acceso da poboación de núcleos rurais á adquisición e intercambio de roupa usada e outros servizos relacionados co coidado persoal.

E catro accésits

Abertos a calquera emprendedor interesado, entre as ideas seleccionadas neste concurso destacan as propostas pola comunidade universitaria, como amosa o feito de que catro estudantes obtivesen os catro accésits. A alumna do Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable Verónica Sánchez obtívoo na categoría de educación, innovación social e xestión pública por Famiescolas, o proxecto dunha “rede de escolas de nais e pais” que axudase ás familias, especialmente aquelas en risco de exclusión, a crear "unha contorna familiar positiva". Así mesmo, o accésit de medio ambiente e natureza foi para a investigadora do grupo EcoEvo, da Escola de Enxeñaría Forestal, Anais Rivas, por SATOR: Sustainability Assesment Tool for Outdoor Races, unha ferramenta que permitiría aos organizadores de carreiras en ruta ou de trail running planificar as súas probas tendo en conta variables de sostiblidade. 

A estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Verónica Farías foi recoñecida co accésit da área de artes, comunicación e creatividade por Buscar trabajo es un trabajo, a proposta dunha web de busca de emprego que mandase automaticamente a información dos inscritos e inscritas ás ofertas de traballo que se fosen publicando. A relación de galardoados complétase con Soccer talent, a proposta dun “Linkedin do deporte” do estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Lorenzo Martínez, accésit na categoría de deporte, saúde e benestar.