DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizada polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación José Manuel López

Os Premios María Luz Morales distinguen unha reflexión sobre como o cinema plasma a “crise do suxeito contemporáneo”

Gañou o galardón por un ensaio centrado no filme ‘Shame’ 

Tags
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Premios
  • Investigación
DUVI Pontevedra 01/10/2020

“Os que escribimos de cinema non estamos acostumados a recibir premios. Máis ben escribimos sobre as obras daqueles que reciben premios”, salienta o crítico cinematográfico e profesor asociado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación José Manuel López, que esta semana se proclamaba gañador dos IV Premios María Luz Morales na categoría de mellor ensaio sobre audiovisual internacional. “É un premio importantísimo para min, como investigador e como escritor sobre cine, polo difícil que é visibilizar o noso traballo”, engade López, que acadou este premio grazas a un ensaio que parte da análise do filme Shame (2011), do cineasta británico Steve McQueen, para a partires de aí propor, a través da figura do seu protagonista, unha reflexión sobre “a crise do suxeito contemporáneo”. 

Impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, o xurado destes premios destacou do traballo de López, Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen, “a análise detallada dos recursos fílmicos de Shame para reflexar a insatisfacción o suxeito contemporáneo e o influxo deste baleiro na sexualidade, desde perspectivas de xénero e identidade”. O texto gañador dun premio dotado con 1200 euros forma parte da investigación que desenvolve para a súa tese de doutoramento, que realiza na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección do catedrático José Luis Castro de Paz. Centrada “na representación da cidade no cinema contemporáneo” e, máis concretamente, “nas persoas que vagan por ela buscando un sitio no mundo”, a súa investigación ten como “fío condutor a relación da crise do suxeito contemporáneo coa crise do suxeito moderno”, explica. “A civilización contemporánea está chegando a un punto de cambio moi importante, e o cinema, como calquera outro tipo de arte, está atendendo a eses cambios, que están no espírito dos tempos, aínda que non sabiamos moi ben como van ser”, engade López. “O protagonista de Shame é un exemplo clarísimo desa desorientación contemporánea”, salienta o crítico e docente, que sinala que “o aspecto clave” do filme, ambientado nunha “cidade paradigmática” como Nova York, “é o sexo, o uso dos corpos como un valor de intercambio máis, como unha parte máis do capitalismo”. 

Reflexións influídas polo “eu”

O xurado definiu tamén o ensaio como unha “revisión pormenorizada cunha redacción exquisita, con referentes filosóficos ademais de cinematográficos, que malia tratar un único filme, mobiliza unha poderosa reflexión que evoca outras personaxes e experiencias fílmicas”. Nese senso, López, que pon en valor que “a academia non só apoie a creación, senón tamén a escritura sobre a creación audiovisual en galego”, recoñece que, máis aló de certas adaptacións “para darlle un ton máis de crítica e de ensaio”, o texto gañador reflicte a súa “maneira de escribir”. Nunha investigación que parte dun filme concreto para logo “trazar unha análise máis xeral”, recoñece que “nunca evito a voz do eu, que moitas veces na contorna académica trata de ocultarse”, senón que a súa análise está “moitas veces baseada nunha forma moi determinada de ver o mundo”.

Entregados na noite do martes na sede da Deputación de Pontevedra, os IV Premios María Luz Morales recoñeceron tamén a Alba Gallego e Ester García, nas categorías de videoensaio sobre audiovisual galego e internacional, e a Iván Vilarmea, na modalidde de mellor ensaio escrito sobre audiovisual galego.